Tras unhas negociacións que o propio PP cualificou de "diálogo sincero polas dúas partes", o orzamento municipal de 2025 non contará co apoio dos populares. Un "cambio de opinión" que lamentou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
"De repente non lles vale absolutamente nada", sostivo Fernández Lores, que asegurou que desde o goberno municipal tiñan "intención de chegar a acordos", en base ao decálogo de propostas presentadas polo portavoz popular, Rafa Domínguez.
O rexedor explicou que "se lle admitiron certas cuestións", entre elas as melloras solicitadas polo PP en seguridade e accesibilidade urbana e rural, na ampliación da rede de aparcadoiros disuasorios ou o aumento das subvencións deportivas.
A maiores, segundo o alcalde pontevedrés, incluíronse todas aquelas mocións que foron aprobadas polo pleno da corporación municipal de maneira unánime.
O BNG aceptaría, segundo fontes municipais, máis da metade das propostas dos populares, entre as que non estaba, entre outras medidas, a reapertura de Raíña Vitoria, un asunto que os nacionalistas se pechan en banda a abordar.
Este 'portazo' do PP a seguir negociando os orzamentos, sostivo o alcalde de Pontevedra, estaría relacionado con que os populares "se atopan máis cómodos" trasladando a idea de que "a culpa de todo é de Lores".
"Antes de apostar por mellorar o funcionamento do Concello e polos intereses dos cidadáns apostan por esa liña en vez de recoñecer o seu erro", sentenciou Fernández Lores.
Pola contra, o alcalde destacou a posición "absolutamente leal" dos socialistas, que para o BNG son o seu "socio preferente" e cos que seguen negociando para poder chegar a acordo en base a "cuestións concretas" que están a analizar ambas as partes.
Lores, que asegurou ter "boas sensacións" ante un posible pacto orzamentario co PSdeG-PSOE, espera que as contas de 2025 poidan aprobarse "o máis brevemente posible", aínda que recoñece que estas datas son "sensibles" para poder seguir avanzando.