Para o alcalde de Pontevedra non é aceptable que se estea debatendo publicamente sobre a posible comarcalización do parque de bombeiros municipal " sen falar co Concello". Miguel Anxo Fernández Lores insta á Xunta de Galicia a que "nos digan o que queren" e, a partir de aí, "sentarnos a falar" sobre o futuro destas instalacións.
En rolda de prensa, Fernández Lores reiterou que o goberno municipal está "aberto a todas as posibilidades", xa que lembrou que o Concello manifestou "por activa e por pasiva" estar dispostos a que o parque de bombeiros de Pontevedra teña un ámbito comarcal. En todo caso, dixo, "o normal é que se fale con nós".
"Estamos á espera de que nos chamen e nos presenten unha proposta seria", sinalou o alcalde con respecto ao goberno galego.
As condicións de Pontevedra, engadiu, "están enriba da mesa". O Concello está disposto a estudar todo tipo de formulacións, incluído ceder a xestión do parque á Xunta e que o concello pague polo servizo. Pero con dúas condicións: que se manteña a calidade do servizo que recibe a cidade e que non custe "nin un peso máis" aos pontevedreses.
Todo o que sexa mellorar o servizo a nivel comarcal, segundo Lores, sería positivo pero lembra que sobre este tema "levamos falando anos" e nunca houbo unha proposta formal por parte da administración "responsable" de coordinar as emerxencias en Galicia, a propia Xunta.
Por agora, reiterou o alcalde, "nós facemos o que temos que facer que é atender os nosos habitantes" e asistir a outros municipios cando son mobilizados polo 112 en casos de "certa gravidade".
En todo caso, Pontevedra considera "ridícula e irrisoria" a cifra de 2 millóns anunciada pola Xunta de Galicia para unha posible comarcalización dos parques municipais da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense, Vigo e Pontevedra, polo que Lores entende que "mentres non sentemos e falemos todo son suposicións".