Lores insta a reivindicar "todos xuntos" a dragaxe urxente do río Lérez á Xunta

Pontevedra
09 de marzo 2015

Cada día que pasa sen que se aprobe este dragaxe, é un tormento para o Club Naval pontevedrés. Por iso, coincidindo coa entrega da distinción que lles concedeu o corpo de Bomberos, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, volveu posicionarse do lado dos usuarios do porto náutico

Lodos que se ven no fondo do río Lérez cando baixa a marea
Lodos que se ven no fondo do río Lérez cando baixa a marea / PontevedraViva

Cando baixa a marea, gran parte das instalacións do Club Naval de Pontevedra quedan inutilizadas. Nalgunhas zonas, a lama supera a altura dos xeonllos e a navegación faise case unha misión imposible.

Os seus usuarios lévano demandando dende o ano 2005 e, recentemente, eles mesmos baixaron ao río para retirar a man grandes cantidades de lamas. Unha acción coa que pretendían chamar a atención sobre a súa alarmante situación e esixirlle á Xunta que aborde, dunha vez por todas, o dragaxe do río Lérez.

Portos de Galicia insiste en que a tramitación ambiental desta actuación se iniciou en 2011 e que se están a cumprir os prazos establecidos na lexislación ambiental. O atraso deste dragaxe débese, apuntan, á complexidade administrativa dun proxecto que necesita informes dunha ducia de departamentos diferentes da Xunta e o Goberno central.

Pero cada día que pasa sen que se aprobe este dragaxe, é un tormento para o Club Naval pontevedrés. Por iso, coincidindo coa entrega da distinción que lles concedeu o corpo de Bomberos, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, volveu posicionarse do lado dos usuarios do porto náutico.

Fernández Lores reiterou que a sociedade pontevedresa debe reivindicar "todos xuntos" ao goberno autonómico que a "necesaria" dragaxe do río Lérez se realice "xa".

O rexedor capitalino asegura que é de "xustiza" despois de todo o tempo que o Club Naval leva esperando por esta solución para volver utilizar as prazas de amarre que quedaron inutilizadas por culpa das lamas e, se é posible, aumentar os peiraos dispoñibles para o atraque de novas embarcacións.