Na véspera da mobilización convocada para este venres pola asociación veciñal O Mirador de Monte Porreiro, para facer visible o seu rexeitamento á peonalización dun tramo da rúa Alemaña, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores reiterou que "estamos abertos a negociar absolutamente todo o que haxa que negociar, pero dentro duns esquemas que son tratar de sacar da parte máis céntrica do barrio o tráfico de paso".
"Nós sempre defendemos un modelo urbano onde eliminamos os tráfico de paso e de axitación pero logo facilitamos toda a actividade económica e os tráficos necesarios para que funcione o barrio non só están autorizados senón que están primados fronte a outros tráficos que non son necesarios", indicou o alcalde.
Lores sinalou que a urbanización de Monte Porreiro, como todos os barrios construídos nos anos 70, "ten unhas necesidades de investimento" que pasan por unha "mellora e substitución de servizos" polo que precisa dunha "actuación integral".
Segundo indicou Fernández Lores, "é imprescindible actuar porque hai que mellorar servizos, hai algunha rúa que non ten o servizo de auga como é debido" ademais doutras cuestións como "a seguridade viaria, a accesibilidade, a iluminación e todas esas cousas, pero dunha forma integral".
"Imos destinar todo o tempo posible para chegar a acordos", dixo o alcalde.
"É nesa liña, nós queremos falar con todo o mundo e chegar a acordos con todo o mundo", insistiu o rexedor. "Imos destinar todo o tempo posible para chegar a acordos", engadiu.
O alcalde apuntou que no Goberno local, despois de todos estes anos executando o modelo urbano da cidade de Pontevedra, "temos un certo aval de actuacións urbanas" e que neste caso "estamos a tratar de trasladar os estándares de calidade aos barrios". Así, citou actuacións en O Castañal, O Gorgullón, Loureiro Crespo, ademais dos "núcleos de centralidade" das distintas parroquias do rural "cumprindo o noso compromiso".
Fernández Lores precisou que "que o proxecto vaia máis atrás ou máis aló é un tema que se pode debater dentro da filosofía global de mellorar a calidade de vida dos cidadáns".
Por último o alcalde de Pontevedra, apelando á experiencia vivida noutros proxectos urbanos que tamén contaron cun rexeitamento inicial dos veciños, asegurou que "eu creo que imos chegar a acordos, temos que chegar a acordos e discutiremos o que faga falta", concluíu.
A protesta dos veciños levará a cabo este venres, ás 20.00 horas, na rotonda da ponte de As Palabras. O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de confirmar que varios concelleiros do grupo municipal ao que representa participarán na protesta.