O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, impulsa para o próximo 10 de maio unha manifestación de apoio aos afectados pola comercialización de participacións preferentes e subordinadas. Servirá tamén, di, "para protestar contra todas estas políticas que está seguindo o Goberno e que só consisten en roubar aos cidadáns e engordar as contas de resultados dos bancos"
Lores decidiu impulsar esta convocatoria este luns tras recibir unha chamada dende a Secretaría de Estado de Economía na que o Goberno estatal cancela a entrevista prevista entre o alcalde pontevedrés e o número 2 do ministro Luis de Guindos, Fernando Jiménez Latorre, para o 13 de maio en Madrid. Na reunión Lores tiña previsto trasladarlle a situación actual da problemática das preferentes en Pontevedra e o enfado dos afectados polas quitas e polo atraso que sofre a Plataforma de Marín e Pontevedra na vía da arbitraxe.
A reunión foi cancelada sine diee dende o Concello de Pontevedra se 'sospeita' que o motivo deste cambio de plans é que o alcalde tiña previsto acudir acompañado polo concelleiro de Facenda, Raimundo González, e por varios afectados polas preferentes. "Non a pospoñen, nin a retrasan, senón que a cancelan e a lectura que facemos é que teñen decidido non atender as demandas razonables dos cidadáns roubados polas preferentes".
Di Lores que os políticos a nivel estatal "non se atreven a dar cara" ante un problema como o das preferentes e as subordinadas
O alcalde cualifica esta cancelación da entrevista como unha medida "inaudita" coa que non se encontrara nos 14 anos que leva como rexedor de Pontevedra. Ademais, considera que é unha "falta de respecto institucional e unha tomadura de pelo" por parte duns políticos a nivel estatal que "non se atreven a dar cara" ante un problema como o das preferentes e as subordinadas.
"ÿ un comportamento cruel porque non teñen reparos en tomar medidas para seguir atracando á xente e logo non se atreven a dar a cara", insistiu Fernández Lores. Unha actitud que, di, "pecha todas as vías de diálogo e só queda a vía da mobilización social". Por iso denunciarán esta situación publicamente a través dunha convocatoria cuxos detalles aínda se están a concretar, pero que se organizará dende o propio Concello capitalino.
"Temos que facerlle fronte e paralos", reiterou o alcalde de Pontevedra, quen animou a todos os pontevedreses a apoiar esta manifestación, non só os que teñan preferentes ou sexan familiares dos afectados. "Temos que traballar e mobilizarnos porque é o único que entenden".
O PSOE APOIA A CONVOCATORIA
A manifestación, impulsada polo BNG, conta tamén co apoio dos seus socios de goberno. Antón Louro lamenta esta nova mostra de desprezo do Goberno do PP "cara a uns cidadáns que están a pasar por un calvario persoal ao facérselles pagar do seu peto as consecuencias das políticas voraces e especulativas das entidades bancarias".
Di Louro que o Goberno volveu demostrar unha "absoluta incapacidade" de interlocución, xa que "non é quen de dialogar cara a cara cos cidadáns e en lugar de poñerse a traballar para solucionar os seus problemas, mesmo prefire criminalizalos". O portavoz socialista conclúe que o grupo municipal socialista "estará sempre a carón dun colectivo que foi enganado e que merece o máximo apoio e respecto por parte de todas as institucións democráticas".