Lores falou con Feijóo sobre o novo proxecto da Variante de Alba e confía nunha resposta "positiva" da Xunta

Pontevedra
02 de xullo 2021

O alcalde chamou ao presidente para explicarlle a adaptación deste proxecto e Feijóo comprometeuse a velo coa conselleira de Infraestruturas e darlles unha resposta. No caso de que non lles guste, pide á Xunta "que nos digan claramente que non a queren facer"

Proxecto do Concello para a Variante de Alba
Proxecto do Concello para a Variante de Alba / Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, chamou por teléfono ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e falaron sobre o novo proxecto do Concello para a Variante de Alba, adaptado á alternativa escollida pola Xunta de Galicia para o vial. Tras esa conversación, desde o Concello enviarán toda a documentación á Administración autonómica e Lores confía en que a resposta será "positiva".

Lores explicou este venres que chamou ao presidente para explicar o que se fixo con este proxecto e Feijóo comprometeuse a velo coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e darlles unha resposta. 

Unha vez que lle envíen a documentación das características do trazado e poidan revisala, Lores espera que lles dean o visto e prace e, en caso contrario, pide á Xunta "que nos digan claramente que non a queren facer"

"Díixenlle que quería coñecer a súa opinión, se están dispostos a facelo ou van dar largas e excusas que non son de recibo", indicou Lores. Refírese a que non lle valería como escusa que haxa "un, dous ou 15 veciños" en contra, pois afecta a unha parroquia de 2.000. "Iso non é ningún argumento".

A decisión final depende da Xunta, pero o alcalde tamén asegurou este venres que "estamos recibindo cada vez máis apoios positivos" e "hai moita xente en Campañó que quere ter unha conexión razoable con Lérez e coa cidade", de modo que hai que pensar no "interese común".

Insiste, ademais, en que con este proxecto únense dúas parroquias, Lérez e Campañó, por unha esquina, sen cortar ningún núcleo e sen afectar a vivendas familiares a menos de 50 metros. 

O Concello propón a creación dunha vía con características urbanas. Sería unha rúa con dous carrís de circulación (un en cada sentido), con rotondas para acougar o tráfico, senda peonil e ciclista, pasos sobreelevados e iluminación. A proposta é para unha rúa duns 800 metros cun carril en cada sentido, con beirarrúas de 2,8 metros de ancho, e unha plataforma total de 4,20 metros.

Os cruces resólvense con 4 rotondas para acougar o tráfico e manter os circuítos peonís. Leva 8 elementos de acougado de tráfico ('lombos'), con limitación da velocidade a 30km/ h, e 6 lombos nas vías perimetrais. Tamén se propón a instalación de iluminación, que terá uno custo de 250.000 euros.

Esta proposta municipal tería un custo de 8,7 millóns de euros, fronte aos 12,2 millóns da que propoñía a Xunta de Galicia.

Arquivado en