Lores fai balance dos primeiros cen días de mandato: novo goberno, oposición, pacto, limpeza, Pontevedra flúe…

Pontevedra
20 de setembro 2023

O vindeiro domingo cumpriranse cen días "moi intensos e frenéticos" deste novo mandato no que "mudou substancialmente a maneira de entender o Goberno" algo do que fai unha "valoración positiva" o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores  

Miguel Anxo Fernández Lores e Eva Vilaverde
Miguel Anxo Fernández Lores e Eva Vilaverde / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, fixo balance da xestión levada a cabo desde a súa investidura, o pasado mes de xuño, como rexedor da capital da provincia.

O vindeiro domingo cumpriranse cen días "moi intensos e frenéticos" deste novo mandato no que "mudou substancialmente a maneira de entender o Goberno" algo do que fai unha "valoración positiva".

Segundo Lores, agora "todo se está levando doutro xeito" con "maior organización e coordinación" en comparación co últimos catro anos. "Estamos a gobernar como planeamos nun principio, sendo máis eficientes", resumiu.

O alcalde sinalou que o reto máis inmediato que ten o Goberno local é "consolidar este concello como unha cidade cunha altísima calidade de vida, tanto para os que vivimos aquí como para a xente que nos visita". 

Para afrontar esta nova etapa o alcalde explicou que se adoptaron distintas "decisións estratéxicas" como a mellora das relacións e colaboracións con outras administracións, que el mesmo asumise a portavocía do Goberno á vez que a Alcaldía, simplificar a toma de decisións, dotar de máis contido á Xunta de Goberno "para darlle un novo pulo"; entre outras moitas cuestións.

Neste balance Lores reprochou aos grupos municipais do Partido Popular e do Partido Socialista que sigan "mirando ao pasado", e insistindo nos Plenos con mocións sobre a apertura ao tráfico de Raíña Vitoria, a retirada de lombos, ou a baixada do IBI... "Sempre coa mesma trécola", lamentou o alcalde.

Despois de volver agradecer aos concelleiros do PSOE o seu apoio na investidura, Lores dixo que respecta a súa decisión de non entrar no Goberno e manifestou que "se cambian de decisión, seguro que nos atoparán para facer un Goberno de coalición".

A limpeza na cidade é "manifestamente mellorable, eu non estou satisfeito con como está o servizo de limpeza viaria nin recollida"

LIMPEZA E PROXECTOS AMBIENTAIS

Neste balance destes cen días do Goberno local, o alcalde de Pontevedra tamén recoñeceu que a limpeza na cidade é "manifestamente mellorable, eu non estou satisfeito con como está o servizo de limpeza viaria nin recollida", algo que espera solucionar co novo contrato de xestión de residuos e limpeza viaria que terá que ser modificado nalgunhas cuestións como as económicas despois de que ningunha empresa se presentase o pasado mes de xuño ao maior concurso na historia do Concello, valorado en case 233,4 millóns de euros.

Lores lembrou que levan cinco anos tentando sacar adiante este contrato pero "tivemos a pandemia, a guerra de prezos, a modificación da Lei de Contratos, a nova Lei de Residuos, entón coincidiu moi mal". "A decisión política é que hai que sacar adiante ese contrato porque é fundamental", asegurou o rexedor.

O alcalde tamén admitiu que a día de hoxe no Concello de Pontevedra "hai proxectos que non coñecemos o estado de tramitación" e que se corresponden coas áreas que xestionaba o Partido Socialista no anterior mandato.

Son, fundamentalmente proxectos "de tipo medioambiental", concellería que levaba Iván Puentes, e da que descoñecen "que nivel de elaboración orzamentaria teñen, se están todos os permisos sectoriais,  se están a disposición os terreos ou non, que prazo teñen de execución", cando saiban esta información "tomaremos as decisións políticas pertinentes".

Por agora, "non descartamos ningunha cousa pero si que estamos a ver a posibilidade da súa execución" con respecto a estes proxectos, algún dos cales conta con financiamento europeo, "que se perda algún fondo deste tipo non é algo anormal, se o proxecto non está ben enfocado ou require unha achega excesiva do Concello ou a achega non é suficiente para que o Concello faga un esforzo ou hai dúbidas de que a execución non estea en tempo e forma".

Refírese o alcalde ao que os seus anteriores socios de goberno denominaron Estratexia Pontevedra Flúe, da que Lores dixo que "eu desde logo non vin concretada esa estratexia con proxectos finais".