As primeiras horas da delegación pontevedresa en Hong Kong están sendo máis proveitosas do inicialmente previsto. Tras un primeiro contacto cun grupo de empresarios locais, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou o "gran interese" que está espertando esta visita en "certos sectores económicos" da cidade chinesa. Hai xa varias empresas que se amosan dispostas a importar diferentes produtos feitos en Galicia.
Estes contactos continuarán nos próximos días e terá unha cita importante o vindeiro mércores. A Asia-Spain Association, unha organización formada por empresarios e executivos con intereses comerciais en España, está a preparar unha cea na que o alcalde aproveitará para tratar de abrir camiño á promoción turística da cidade e mesmo avaliar posibles relacións comerciais con empresas locais.
"Esta é unha viaxe moi interesante porque pode dar lugar a novos intercambios", sinalou Fernández Lores no seu primeiro día en Hong Kong. Este interese en facer negocios con Pontevedra esténdese tamén a tres cidades chinesas -Jinjiang, Changxing e Foshan- que queren aprender da experiencia pontevedresa nos ámbitos de mobilidade, seguridade viaria e accesibilidade. De feito, Foshan amosou a súa vontade de ‘irmandarse’ coa cidade do Lérez.
Antes dese encontro empresarial, Pontevedra recollerá un novo recoñecemento internacional ao seu modelo urbano. A Fundación Prospectiva e Innovación, unha organización francesa presidida na actualidade polo ex primeiro ministro galo Jean-Pierre Raffarin, faralle entrega ao alcalde do premio Cidade de Mobilidade Intelixente Euro-China 2015. Será dentro do China International New Energy Vehicle, unha feira internacional do sector automovilístico.
O premio que recibirá Pontevedra enmárcase na categoría Deseño e Planificación Urbana, que distingue experiencias de novas cidades, zonas de baixas emisións de contaminantes. Xunta a ela premiaranse, en distintas categorías, outras 19 cidades chinesas e 20 europeas, vencelladas todas elas pola súa aposta a prol da chamada mobilidade intelixente.
Na mesma xornada, Pontevedra presentará un vídeo sobre a cidade e defenderá o seu modelo nunha mesa redonda na que Daniel Macenlle, intendentre principal de la Policía Local, falará da transformación da capital e os resultados medibles dunha experiencia cuxo afán é mellorar a calidade de vida urbana e coidar das persoas. De feito, a recuperación de espazos públicos para o goce cidadán e a diminución da contaminación foron factores determinantes para a concesión do galardón.