Lores di que "hai que ser moi inxenuo" para crer que non pode tomar forma unha moción de censura en Pontevedra

Pontevedra
03 de xaneiro 2024

Ata que se resolva a moción de confianza Miguel Anxo Fernández Lores será alcalde "en funcións" xa que, tal e como lembrou o propio rexedor "estou poñendo o cargo de alcalde a disposición da Corporación"

Reunión da Xunta de Portavoces
Reunión da Xunta de Portavoces / Concello de Pontevedra

Á primeira hora deste mércores reuniuse a Xunta de Portavoces do Concello de Pontevedra para preparar o pleno do próximo luns día 8, ás once da mañá, no Teatro Principal cun único punto na orde do día a moción de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos municipais que presentou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.

Ata que se resolva esta cuestión será alcalde "en funcións" xa que, tal e como lembrou o propio rexedor "estou poñendo o cargo de alcalde a disposición da Corporación"

"Se tomei a decisión de presentar unha moción de confianza é porque hai unha confluencia en obstruir que o fai necesario", engadiu.

Lores admitiu estar  "preocupado" na súa comparecencia ante os xornalistas, pois o chamamento ao "sentidiño" dirixido onte á oposición para "garantir a gobernabilidade no Concello" non tivo resposta. "Os contactos están abertos sempre, pero non hai variación respecto a a posición que están a ter", explicou.

De modo que, de novo, reiterou ese chamamento lembrando que os orzamentos están prorrogados desde o pasado día 2 de xaneiro e desta maneira "o Concello reséntese profundamente comprometendo as prestacións e os servizos municipais". 

"É máis importante que o Concello funcione, sexa eu alcalde ou non sexa alcalde", declarou. 

"É máis importante que o Concello funcione, sexa eu alcalde ou non sexa alcalde"

Lores recalcou que é un tema "transcendental" fronte a quen opina que "non vai pasar nada" e neste sentido, expresou a súa convicción de que pode cristalizar unha moción de censura entre o PP e o PSOE, "hai que ser moi inxenuo para pensar que non se poidan poñer de acordo nunha moción de censura", dixo.

Segundo argumentou Lores, esta moción de censura é posible "tendo a capacidade de como teñen o Partido Popular e o Partido Socialista de coincidir en temas absolutamente fundamentais, que está a pasar todos os días, se non coinciden, póñense de acordo rapidamente".

Para ilustrar a súa tese o alcalde en funcións citou tres exemplos nos que PP e PSOE sumaron forzas: a apertura de Raíña Victoria, o traslado da feira á Alameda ou "a subida salarial aos funcionarios, outra subida por encima do 10% que chaman a RPT".

A pesar de que o portavoz do PSOE reiterou en numerosas ocasións que o seu grupo nunca fará alcalde ao portavoz do PP, Rafa Domínguez para Lores iso "será porque non lle deixan", dixo en referencia á dirección do Partido Socialista en Galicia, "porque a práctica de todos os días indica que non hai inconveniente en chegar a acordos en cuestións que eles consideran fundamentais".

Polo que o alcalde en funcións repetiu "vou volver a facer un chamamento a que permitan que o Concello funcione ou senón a que presenten coherentemente unha moción de censura, e por iso poño o meu cargo a disposición. Non é unha cuestión baladí".