O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo fernández Lores, valorou este martes a polémica xerada en torno ao atraso no aceso da iluminación do Nadal da cidade, fixado para o próximo 16 de dicembre.
Defende Lores que "mandar unha mensaxe e un xesto neste sentido paréceme ser consecuente".
"Non é por aforro enerxético exactamente.Temos un modelo urbano no que o medio ambiente é fundamental, estamos nunha crise climática a nivel mundial, e o tema das luces é simbólico, é un xesto, pero creo que é un xesto que hai que facer seriamente. A nós invitáronos a cumbre do clima de París, a cumbre do clima de Madrid por algo, porque somos un goberno que aposta por unha cidade pensada para as persoas cunha altísima calidade urbana e ambiuental", explicou o rexedor.
Lores afirmou que "respecto as posicións de todo o mundo pero mandar unha mensaxe e un xesto neste sentido paréceme ser consecuente", recoñecendo que "enerxía vaise perder pouca, é máis que nada unha mensaxe que vai na liña coherente con todo un modelo e un plantexamento serio que se leva facendo 23 anos".
Para o alcalde "son importantes as luces, pero ata hai dez anos se acendían cando os rapaces collían vacacións, hai que ser comedidos", defendeu.
Por último, preguntado por se a tramitación administrativa motivou a decisión de atrasar o aceso, Fernández Lores limitouse a comentar que o proceso "fai coincidir a xestión administrativa co plantexamento político".