Lores, "decepcionado" ante a indefinición do Goberno sobre as zonas de baixas emisións

Pontevedra
02 de novembro 2022

Sen apenas avances. Así concluíu a reunión que este mércores mantivo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, con representantes dos ministerios de Transportes e Transición Ecolóxica respecto das zonas de baixas emisións

Xuntanza de Fernández Lores con representantes dos ministerios de Transportes e Transición Ecolóxica
Xuntanza de Fernández Lores con representantes dos ministerios de Transportes e Transición Ecolóxica / Concello de Pontevedra

Sen apenas avances. Así concluíu a reunión que este mércores mantivo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, con representantes dos ministerios de Transportes e Transición Ecolóxica respecto das zonas de baixas emisións.

Todas as cidades de máis de 50.000 habitantes deberán implantar estas zonas antes de 2023 e, polo momento, as directrices do Goberno só contemplan dúas opcións: ou implantar unha taxa por circular por cidades ou prohibir o paso a coches que non teñan ecoetiquetas.

Pontevedra, xunto co resto de municipios que integran a rede Cidades que Camiñan, apostan por unha "terceira vía", a redución do tráfico a través da reforma do espazo urbano, limitando a circulación aos vehículos "imprescindibles".

Seguindo o ronsel do modelo urbano pontevedrés, que aposta por decretar como zona de tráfico reducido todo o centro da cidade e os barrios de Monte Porreiro, Estribela e O Burgo, estas cidades pretenden reducir así a contaminación provocada polo tráfico.

"Saímos un pouco decepcionados porque non avanzamos todo o que quixéramos", sinalou o alcalde pontevedrés, que acudía a esta cita como presidente da rede Cidades que Camiñan. "Dá a sensación de que está todo parado", engadiu.

Entre os dous ministerios, segundo Fernández Lores, aínda non lograron encaixar as alegacións propostas por esta asociación, o que xerou unha especie de "vacío legal" no que as cidades, a menos de dous meses, "non sabemos o que podemos facer e o que non".

Pontevedra, xunto o resto de municipios que integran esta rede, insisten en que o seu modelo "está a dar resultados espléndidos" na redución de emisións contaminantes, polo que esperan que "teña cabida e encaixe" na normativa de mobilidade e transición ecolóxica.