Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, referiuse este venres 11 de marzo á resolución do Tribunal da Comunidade Europea que conclúe que se está incumprindo a normativa comunitaria na ría pontevedresa debido ao mal tratamento das augas de Pontevedra, Marín, Bueu e Poio.
O rexedor culpa ao goberno de Rajoy e á Xunta de Galicia do estado en que se atopa a ría. Lores sinala que a responsabilidade corresponde ao goberno estatal e, en segundo termo, ao autonómico que no ano 2002 sacou a Lei das Rías.
Neste sentido, apuntou que os gobernos locais carecen de recursos suficientes para poder construír colectores. Pero ademais indicou que estas administracións son as culpables de que Ence prorrogue a súa estancia na ría pontevedresa e engadiu que "esa industria verche un volume que duplica ou triplica ou volume de todos os concellos e diminúe a capacidade de autodepuración da ría" e afirma que as verteduras da pasteira constitúen o 50% dos que se emiten ás augas da ría.
O alcalde da capital afirma que en 2005 o goberno local gastouse seis millóns de euros para eliminar residuos con colectores e esixe á Xunta e ao Goberno central os investimentos pertinentes para reparar o estado da ría. Sinala que é necesaria unha separación perfecta de pluviais e residuais nas depuradoras, pero insistiu na necesidade da marcha de Ence da ría: "pode ser todo trasladable menos a ría", sentenciou Fernández Lores.
"QUE SE POÑAN MANS Á OBRA"
Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, instou aos gobernos de España e da Xunta de Galicia "que se poñan mans á obra" e que apliquen os "recursos necesarios" para garantir o saneamento das rías.
Para a presidenta provincial, a Xunta e o goberno español "teñen que facer unha aposta seria polo medio ambiente".
Finalmente destacou a importancia que teñen, entre outros as rías para o sector primario e como atractivo turístico
"A OBSESIÓN DE LORES CON ENCE"
Sobre este asunto, o portavoz popular, Jacobo Moreira, esixe ao goberno local do BNG e especialmente al alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que "asuman responsabilidades, pois o Concello de Pontevedra debe tomarse en serio, dunha vez por todas, o saneamento da ría".
Moreira dí que "a obsesión de Lores con Ence faille ocultar aos pontevedreses os datos reais, tan só no ano 2013, producíronse 54 vertidos ao Lérez, tal e como contabilizou Augas de Galicia nun informe que remitiron ao Concello de Pontevedra", manifestou o edil popular.
Neste sentido, Jacobo Moreira lembra que "é competencia municipal o establecemento dunha rede de sumidoiros eficaz, pero nestes momentos resulta inexistente en moitas zonas do rural e incluso nalgúns barrios de Pontevedra".