Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, sinalaba que a edición 22 da Feira Franca de Pontevedra foi "a máis grande ata agora, porque a máis grande será a do ano que vén, porque é unha festa que medra cada ano", apuntou expresando que xa se está a traballar na do vindeiro ano.
"É unha festa total", asegurou sinalando que participan familias enteiras, con xente que se achega de toda Galicia e de fóra, con persoas que veñen todos os anos procedentes de distintos puntos do Estado que quedan unha semana aloxados en Pontevedra aproveitando esta cita de recreación medieval.
Insistiu na característica da participación felicitando a toda a cidadanía, empresas colaboradoras e funcionarios municipais que traballaron na organización. Destacou a "alegría" que se detecta durante o evento nas rúas asegurando que "poucas cidades poden ter unha festa destas características" para lembrar, a continuación, as vantaxes do modelo urbano indicando que este ano a festa tamén se ampliaba a Raíña Vitoria, Palmeiras e contorna da Alameda.
Lores explicou que cada vez se estende máis e que, pola contra, non se rexistran incidentes de importancia. O dispositivo de emerxencias só interviña en casos leves. Neste sentido sinalou que ata mesmo a chuvia aparecida durante a xornada axudou a evitar golpes de calor.
"Temos que seguir traballando para que vaia crecendo de forma moderada", anunciou expoñendo que determinados establecementos e persoas relacionadas coa actividade gastronómica que serviron seiscentas comidas e que quedaron sen provisións ao longo da xornada do sábado. O alcalde tamén agradeceu que se respectase, cada vez máis, a data histórica con implicación´cidadá, utilización de música tradicional e sen estridencias.
Esta "edición masiva" pon fin, segundo o rexedor, a un "verán espectacular" con gran participación cidadá e que, segundo manifestou, terá continuidade coa celebración do tríatlon. "Está enchendo os comercios, restaurantes e hoteis da comarca", asegurou Fernández Lores ao referirse á agardada cita deportiva.