"Non é entendible que non se busquen alternativas máis asequibles", dixo o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sobre a "incomprensible" proposta do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, de habilitar un aparcamento de 900 prazas en réxime de concesión.
"Nós non estivemos de acordo con que se fixese un aparcamento de pago" lembrou o rexedor "porque cremos que hai unha solución" que pasaría por crear aparcamentos en superficie perimetrais recalificando os terreos, que son rústicos, para que sexan compatibles con aparcamentos en superficie. Esta opción está contemplada no Plan Sectorial de Montecelo.
"Obviamente tería un custo máis barato", sinalou o rexedor, "por tanto tería uns prezos moito máis asequibles".
O alcalde de Pontevedra comentou que "o tentamos por activa e por pasiva e nunca optaron esta solución" polo que lamentou que aposten por este aparcamento de pago "que vai ser cinco veces máis caro, probablemente, a praza de construción e por tanto tamén vai repercutir no peto dos cidadáns".
Lores tamén quixo "deixar moi clariño" que a "responsabilidade" de dotar de aparcamento ao hospital é da Xunta e do Servizo Galego de Saúde.
Por último, o alcalde reprochou ao presidente da Xunta que non lle convidase a esta visita realizada hoxe ás obras do hospital que se acometen "nun convenio co Concello". "Fareillo notar ao presidente e espero que o xustifique como un erro de protocolo", dixo.