O alcalde de Pontevedra mostrou a súa preocupación ante a vaga de incendios desta fin de semana. Miguel Anxo Fernández Lores afirmaba este luns sentir moita pena polos sucesos acontecidos. Engadía que non se pode estar cada certo tempo sufrindo esta situación e que termine falecendo xente debido aos incendios forestais.
"Vamos quedar sen monte e sen país", expresou Fernández Lores. O rexedor relaciona esta sucesión de incendios coas políticas de monocultivo de eucalipto no territorio galego. E sinalou que esa circunstancia unida á seca e ao vento termina por provocar estes resultados.
Tanto o alcalde de Pontevedra como o portavoz do goberno local, Raimundo González, explicaron que os bombeiros de Pontevedra que se atopaban en situación de prealerta foron os encargados de poñerse en contacto co Concello de Vigo para ofrecer os seus servizos e trasladáronse a Ponteareas para colaborar na extinción cun vehículo e cinco bombeiros. Ao longo da xornada do domingo trasladáronse dous camións do Parque de Pontevedra a Ponteareas.
Desde o goberno local de Pontevedra laméntase que a Xunta de Galicia non coordinase as actuacións e denunciaron que desde o servizo de Emerxencias do 112 non se estableceu contacto cos bombeiros da capital a pesar da situación de gravidade que se estaba vivindo.
Lores indicou que no futuro haberá que analizar todo o sucedido e buscar medidas de prevención como un cambio na política forestal.