Lores, contra ENCE "por terra, mar e aire"

Pontevedra
18 de xaneiro 2016

ENCE volveu ser protagonista, moi ao seu pesar, do pleno da corporación municipal. Todo iso porque se acordou, cos votos a favor de BNG, PSdeG-PSOE e Marea, que o Concello de Pontevedra estea presente en dous novos procesos xudiciais e administrativos para evitar a consolidación do complexo industrial de Lourizán, relativos á declaración de caducidade da súa concesión e a prórroga solicitada a Costas pola compañía

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, no pleno municipal
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, no pleno municipal / PontevedraViva

ENCE volveu ser protagonista, moi ao seu pesar, do pleno da corporación municipal. Todo iso porque se acordou, cos votos a favor de BNG, PSdeG-PSOE e Marea, que o Concello de Pontevedra estea presente en dous novos procesos xudiciais e administrativos para evitar a consolidación do complexo industrial de Lourizán, relativos á declaración de caducidade da súa concesión e a prórroga solicitada a Costas pola compañía.

Esta decisión, que foi aprobada a pesar do rexeitamento de Partido Popular e Ciudadanos, provocou un intenso debate entre nacionalistas e populares. Tanto que, aínda que non é habitual, Miguel Anxo Fernández Lores optou por intervir tras o cruzamento de acusacións entre a súa edil de Urbanismo, Carme da Silva, e o portavoz do PP, Jacobo Moreira, polas respectivas actuacións dos seus partidos sobre este asunto.

Así, Miguel Anxo Fernández Lores reiterou que "mentres eu sexa alcalde" fará "o imposible" para conseguir que ENCE abandone a ría, "loitando por terra, mar e aire" para que se recuperen os terreos que o complexo industrial ocupa actualmente en Lourizán para outros usos turísticos, económicos e marisqueiros.

Neste sentido, o rexedor da capital reiterou que as eleccións municipais do pasado mes de maio "deixaron claro" o posicionamento dos pontevedreses con respecto á continuidade desta empresa, ao lembrar que o PP -partido que defendía abertamente a renovación da prórroga á pasteira e a súa permanencia na ría de Pontevedra- "saíu trasquilado" tras perder catro dos once concelleiros que tiña

Moreira instou o alcalde a que se quere seguir acudindo aos xulgados por este asunto "o faga como BNG e non cos cartos de todos os pontevedreses"

Fernández Lores respondía así a Moreira que, na súa intervención inicial no pleno, criticara que o goberno municipal leve 16 "pleiteando contra ENCE" sen resultado positivo. Neste sentido, tras apuntar que os gastos que provocan estes procesos páganse con diñeiro público, instou o alcalde a que se quere seguir acudindo aos xulgados por este asunto "o faga como BNG e non cos cartos de todos os pontevedreses".

O portavoz do PP afirmou que só un alcalde "irresponsable e insensible" cos datos de paro da cidade pódese opoñer á permanencia desta industria. Fronte a iso, dixo, os populares apostan por esixirlle a ENCE "máis emprego, máis investimentos e as máximas esixencias ambientais", asegurando que "non é suficiente" o plan presentado pola empresa ou a posibilidade de situar en Lourizán a planta de biomasa autorizada polo Goberno.

Pola súa banda, Carme da Silva lamentou que o Partido Popular siga "traballando intensamente" para defender os intereses dunha empresa privada e que, segundo a concelleira de Urbanismo, recibiu numerosos "tratos de favor" por parte dos gobernos autonómico e central.

"Esperemos que un goberno que está en funcións non teña a ousadía de darlle esa prórroga a ENCE", afirmou a edil do BNG quen nunha clara mensaxe directa a Mariano Rajoy "como veciño de Pontevedra" preguntou se o presidente "quere deixar esa herdanza aos seus fillos e aos seus netos" porque se é así, concluíu, a sociedade pontevedresa "nunca o vai a esquecer".