Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, facía unha avaliación este luns dos orzamentos de 2025 da Xunta de Galicia en relación con Pontevedra, un documento que era entregado o sábado no Parlamento de Galicia.
O rexedor pontevedrés afirmou que estes presupostos figuran "con sombras e con luces".
Neste sentido, indicou que hai partidas que levan aparecendo desde anos e que non se executan como é o caso da dragaxe do río Lérez.
"Xa veremos en que queda", dixo Lores para apuntar que "faremos un seguemento para que se executen" as partidas previstas en diversas áreas.
Amosou a súa preocupación porque "non hai grandes avances" en relación ás partidas destinadas á elevada proporción dos fondos destinados a Sanidade, Servizos Sociais e Educación, que representan máis do 70% dos investimentos previstos, sen que se observen melloras significativas nestas áreas.
"Non podo valorar positivamente os orzamentos neste sentido", admitiu Miguel Anxo Fernández Lores, alertando da carencia de recursos en atención primaria, saúde mental e atención especializada.
En canto ao ámbito do Benestar social, o alcalde lamentou que os concellos continúan asumindo responsabilidades, como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que considera que non deberían recaer sobre a xestión municipal.
Fernández Lores tamén mencionou a súa decepción pola falta de apoio da Xunta aos Premios Feroz, evento cultural clave para Pontevedra nos dous vindeiros anos, e instou ao goberno autonómico a cambiar a súa postura.
Alegou que o goberno local falara en varias ocasións con Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, e con José López Campos, conselleiro de Cultura, sobre a importancia destes premios para demandar o apoio da administración autonómica.
Entre os aspectos positivos dos orzamentos, Lores valorou a inclusión de investimentos históricos demandados polo Concello, como a variante de Alba, a ampliación do Campiño, o saneamento de Mollavao e a construción de vivendas sociais en Valdecorvos.
Tamén sinalou que agarda ver finalizadas as obras do novo Hospital de Montecelo, malia o atraso que leva o proceso de construción, e as do IES Valle Inclán ou o colexio Froebel.