Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, manifestou a súa "preocupación grande" pola decisión da Deputación de Pontevedra, anunciada polo seu vicepresidente Rafa Domínguez, de dar marcha atrás no proxecto de reforma do convento de Santa Clara.
"Na práctica o que pasa é que se está paralizando", explicou o rexedor da capital remitíndose a situacións que tamén pasaron con outras administracións á hora de reformar ou buscar novos usos a edificios como o de Facenda en San Francisco.
En todo caso, Lores manifestou que "manteño a confianza no presidente da Deputación que dixo aquí expresamente que os proxectos do Museo ían para adiante no caso dos edificios da Praza da Leña e de Santa Clara" facendo referencia aos compromisos adquiridos por Luis López, presidente provincial, durante a súa visita oficial ao Concello de Pontevedra.
Pola contra, Lores lamentou a actitude de Rafa Domínguez: "non estou dacordo co posicionamento do señor Domínguez. As súas propostas sempre son ir para atrás, paralizar, non garantir o avance de Pontevedra", apuntou.
A continuación lembrou que todo o relacionado coa adquisición do convento de Santa Clara e a súa incorporación ao Museo de Pontevedra. "Esperemos que non volvamos atrás e que non se paralicen proxectos a cargo de Destrucións Domínguez", concluía o rexedor.