O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores expresou a súa confianza en que a reforma que se está executando nas rúas Virxe do Camiño e José Casal reactiven a vida comercial desta zona.
"Realmente foi así en todas as rúas", destacou o alcalde. Coa mellora da rúa "revalorizas as vivendas e sobretodo os baixos comerciais" que se volven "máis atractivos" o que "implica máis actividade económica e máis ocupación polas persoas do espazo público".
Este xoves no transcurso dunha visita á obra Fernández Lores comprobou a marcha dos traballos, ocupados neste momento no cambio de todos os servizos.
"Plataforma única, accesibilidade universal, mellora da iluminación", son as directrices do modelo de cidade que se estenden a estas rúas.
Como curiosidade o proxecto inclúe algúns detalles como a instalación dunha canaleta de recollida de augas pluviais cun tratamento especial que se estudou coa asociación Cogami para que actúe como guía e referencia para as persoas invidentes.
O rexedor destacou a mellora da calidade de todo este enclave urbano polo que pasa o Camiño Portugués a Santiago de Compostela "que queremos dignificar", unha intención á que sumou as obras do Gorgullón e a reforma anunciada na Ponte do Burgo.
Nun mes estará xa operativa a rúa José Casal, o resto terá que esperar ao mes de decembro.