Miguel Anxo Fernández Lores foi investido, por quinta vez, alcalde de Pontevedra no Pleno Municipal de composición da corporación celebrado nun abarrotado Teatro Principal.
Fíxoo co apoio en solitario dos 12 concelleiros do seu grupo, o Bloque Nacionalista Galego, grazas á abstención de Partido Popular, Partido Socialista e Cidadáns.
Só Marea Pontevedra presentou o seu candidato, Luis Rei, na votación á alcaldía, recibindo os votos dos seus dous concelleiros.
O de novo rexedor capitalino asumiu o bastón de mando con catro lexislaturas ás súas costas asegurando que "a rutina, o deixarse ir, o conservadorismo, non entraron nunca no meu xeito de afrontar a vida", malia que ao final de mandato cumprirá 20 anos no cargo.
Entre as súas primeiras mensaxes valorou a entrada de novas forzas políticas, haberá cinco en total na corporación, para sinalar que "esta pluralidade vai a enriquecer o labor do goberno", aínda que se dirixiu á oposición citando que "os manexos políticos partidarios en contra dos intereses da maioría serían un pecado mortal sen perdón", en alusión aos apoios que necesitará en momentos claves da lexislatura.
Ademais Fernández Lores quixo facer "un chamamento público e solemne para un cambio nas relacións institucionais" para que pasen á historia "episodios como a sañuda persecución do Goberno do Estado pola compensación da paga extra, como o absoluto ninguneo da Xunta cos intereses de Pontevedra ou como o terríbel trato discriminatorio, case vexatorio, que tivo a TVG con Pontevedra". Por ese motivo "pola miña parte, man tendida e borrón e conta nova", ofreceu no seu discurso de investidura.
En canto ao resto de voceiros, Jacobo Moreira (PP) xustificou a súa abstención en que "defendemos sempre que gobernase a lista máis votada, cando gañamos e agora tamén", esperando que o alcalde "goberne para todos escoitando a todos".
Agustín Fernández (PSOE) reivindicou o traballo do seu grupo durante os 16 anos nos que formaron parte do goberno explicando que "non dudaremos en apoiar todo aquelo que continúe a afondar nun concepto de cidade no que cremos profundamente pero non vacilaremos ante calquera medida que supoña un retroceso", posición similar á formulada por Cidadáns a través de María Rey ofrecendo apoio aos nacionalistas sempre que as medidas "no entren en confrontación con nuestros principios".
Máis crítico mostrouse Luis Rei (Marea), especialmente en relación á permanencia de Fernández Lores á fronte do Concello a pesar de que, segundo explicou, os estatutos do BNG "establecen un límite de tres mandatos consecutivos".
O Pleno Municipal de investidura tivo algún momento de tensión polas protestas das plataformas anti-compostaxe e contra os crematorios. Ademais o susto da xornada deuno unha policía local, que actuaba por primeira vez de 'maceiro' e que se desmaiou durante a intervención de Jacobo Moreira, sendo atendida inmediatamente por varios concelleiros que exercen como médicos.
Superado ese momento cun cariñoso aplauso do público, a corporación municipal de Pontevedra quedou composta da seguinte forma:
- BNG: Miguel Anxo Fernández Lores, Anabel Gulías, Alberte Oubiña, Demetrio Gómez, Carme da Silva, Luis Bará, César Mosquera, Anxos Riveiro, Raimundo González, Carmen Fouces, Vicente García Legísima, Pilar Comesaña
- PP: Jacobo Moreira, María José Rodríguez Teso, César Abal, Aurora Cañizares, Rafael Domínguez, Tomás Abeigón, José Luis Martín.
- PSOE: Agustín Fernández, Paloma Castro, Iván Puentes.
- Marea Pontevedra: Luis Rei, Mari Carmen Moreira.
- Cidadáns: María Rey.