Lores celebra que o PP non poña "liñas vermellas" para un orzamento que quere aprobar co "máximo consenso posible"

Pontevedra
21 de novembro 2024

O goberno municipal presentará mañá venres as "grandes cifras" deste novo orzamento para 2025 que, segundo Miguel Anxo Fernández Lores, está "practicamente elaborado"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, asegurou este xoves que "me alegro moitísimo" de que o PP non poña "liñas vermellas" á hora de negociar un posible apoio aos orzamentos municipais para 2025.

Celebra así que haxa un "espírito construtivo" para poder elaborar unhas contas que sexan "positivas" para Pontevedra e para as que espera contar co "máximo consenso posible".

Avanzou que o goberno municipal presentará mañá venres as "grandes cifras" deste novo orzamento que, segundo Fernández Lores, está "practicamente elaborado".

O atraso na súa tramitación, sostivo o alcalde, debeuse a "certas cuestións" alleas ao propio Concello, entre elas que o Estado aínda non definiu as transferencias, polo que "malamente podemos facer uns orzamentos definitivos".

En todo caso, co "esqueleto" do orzamento para 2025 na man, o goberno municipal sentará a negociar coa oposición. A prioridade será "indiscutiblemente" o PSOE, pero Lores agradece que o PP se abra a "facer propostas".

"Nós estamos abertos a incorporar certas cuestións porque nos interesa que o orzamento se faga co máximo consenso", reiterou o rexedor pontevedrés.

O "ánimo" do goberno municipal é aprobar estas contas para 2025, aínda que o alcalde considera que existe unha "base importante" que non existía o ano pasado, cando o orzamento viña prorrogado do ano anterior, o que dará unha marxe maior á negociación.

Fernández Lores avoga, en todo caso, por "non poñer o carro antes que os bois" e sentar a negociar e escoitar primeiro as propostas da oposición antes de pensar nun "plan B" para xestionar a política orzamentaria do Concello.