Lores celebra a "saída intermedia" das novas restricións para "non culpar sempre aos mesmos"

Pontevedra
21 de xullo 2021

Para o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o que resulta "claro" desta quinta vaga é que "é diferente" ás anteriores, xa que o avanzado proceso de vacinación permitiu que se reduzan os ingresos hospitalarios e que a gravidade dos casos "non sexa como antes"

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

A quinta vaga da pandemia non se detén e levou ao municipio de Pontevedra a bater o seu máximo histórico de casos activos. Hai 635 infectados de covid-19 na cidade, 28 máis que onte. Superáronse os 616 casos que había o 5 de febreiro, en plena resaca do Nadal.

Este aumento da incidencia levou ás autoridades sanitarias a elevar as restricións en Pontevedra e situar ao municipio no nivel alto. 

Para o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o que resulta "claro" desta quinta vaga é que "é diferente" ás anteriores, xa que o avanzado proceso de vacinación permitiu que se reduzan os ingresos hospitalarios e que a gravidade dos casos "non sexa como antes".

Por iso, Fernández Lores defende que "había que cambiar os criterios" e non seguir aplicando modelos anteriores. Por iso é polo que celebrase que as novas restricións supoñan unha "saída intermedia" para "non seguir botando a culpa sempre aos mesmos sectores".

O rexedor reiterou que, en base aos datos de Sanidade, os contaxios están a producirse en reunións privadas ou familiares, onde apenas hai medidas de seguridade, e que na hostalería "non os hai", polo que celebra que non limiten máis a súa actividade actual.

Ademais, engadiu que "me parece ben" que se restrinxan as saídas nocturnas entre as 01:00 e as 06:00 horas da madrugada, ao entender que limitará as reunións de "grupos grandes" ou a celebración de botellóns en espazos públicos ou domicilios.

En todo caso, o alcalde asegurou que respecta as decisións das autoridades sanitarias, pero si sinalou que lle "sorprende" o "impasse" desta semana cando a incidencia xa se estaba disparando e lembrou que a pandemia "aínda non rematou".

"Meteron a pata", afirmou, aplicando diferentes criterios para concellos na mesma situación epidemiolóxica, como denunciaron numerosos alcaldes do Salnés.