Non hai, segundo o alcalde de Pontevedra, "nin un só" argumento xurídico que xustifique a prórroga que, cun goberno en funcións, outorgou Mariano Rajoy a Ence para continuar en Lourizán ata o ano 2073. O recente informe da Avogacía do Estado, con todo, "dí claramente o que hai", engadiu Miguel Anxo Fernández Lores.
Preguntado sobre os últimos acontecementos que rodean á concesión da pasteira, Fernández Lores avanzou, no caso de que a xustiza española falle contra o recurso presentado polo Concello, Pontevedra acudirá aos tribunais europeos para defender unha normativa que o Goberno de Rajoy "se saltou á toreira".
Non só a de Costas ou de patrimonio, dixo, senón tamén as leis de competencia. Entende o alcalde que, no "hipotético caso" de que a prórroga fora legal o Goberno tería que sacar eses terreos a concurso e esperar a ver "quen puxa máis por eles". Tal e como se fixo, explicou, viólase o principio de libre competencia.
En todo caso, o alcalde reiterou que "non quero ter unha empresa contaminante na ría de Pontevedra" para poder recuperar este espazo. A empresa, engadiu, "que vaia a producir onde queira". O que ten claro é que o que sucedeu con Ence é un "pelotazo como la copa de un pino" e confía en que "algún día" saberase quen é o responsable.
Lores recoñeceu que "non son capaz de entender" a defensa de Ence que están a realizar as asociacións de empresarios de Pontevedra porque a súa situación é un "agravio comparativo" para todas as empresas da comarca, ao entender que o Goberno non ten a "mesma vara de medir" para todas elas.
O alcalde lembrou que "a ningunha outra empresa" se lle "regalan" terreos para asentarse nin se lle "exonera" de pagar 6 millóns de euros anuais do canon da auga. E menos, insistiu, a cambio de "limosnas e abalarios" que reciben as asociacións de Pontevedra.
"Entendo aos traballadores porque defenden os seus postos de traballo pero a estes empresarios non", sinalou Fernández Lores, que recomendou ao persoal da pasteira que esixa á empresa un proxecto industrial "viable" noutra localización e que deixen de "botarlle a culpa ao empedrado".