Lores anuncia unha cuestión de confianza ao saír rexeitado o orzamento do Concello

Pontevedra
29 de decembro 2023

O rexedor nacionalista fixo este anuncio unha vez que o orzamento do Concello de Pontevedra foi rexeitado no Pleno celebrado este venres cos votos en contra dos once concelleiros do Partido Popular, a abstención dos cinco concelleiros socialistas e o voto a favor dos oito concelleiros do goberno local do BNG

Pleno dos orzamentos no Concello de Pontevedra
Pleno dos orzamentos no Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores anunciou a convocatoria para o vindeiro mércores 3 de xaneiro dunha reunión da Xunta de Goberno Local para presentar unha moción de confianza que probablemente se debaterá o próximo día 8 de xaneiro.

O rexedor nacionalista fixo este anuncio unha vez que o orzamento do Concello de Pontevedra foi rexeitado no Pleno celebrado este venres cos votos en contra dos once concelleiros do Partido Popular, a abstención dos cinco concelleiros socialistas e o voto a favor dos oito concelleiros do goberno local do BNG (faltou o edil Alberto Oubiña que aínda non tomou posesión da súa acta tras a renuncia da senadora Carme da Silva).

Tal e como anunciara Lores, o goberno local recorre ao artigo 197 bis da Lei Orgánica de Réxime Electoral Xeral (LOREG) vinculando os orzamentos a unha cuestión de confianza que, no caso de perder facultaría á oposición para propoñer un goberno alternativo mediante unha moción de censura.

DEBATE PLENARIO

O PSOE xustificou o seu voto en contra deste orzamento de "adoquines e cemento" porque "estes cinco concelleiros do Partido Socialista non temos a falta de ética nin a necesidade persoal de vendernos aos seus caprichos", dixo o portavoz Iván Puentes. Ademais defendeu a "dignidade persoal" do seu grupo político e o "compromiso inquebrantable" cos seus votantes.

Iván Puentes acusou ao alcalde de abusar "da imposición" e censurou o seu "autoritarismo", o "caciquismo" e a "arrogancia e nula capacidade de facer nin o máis mínimo exercicio de autocrítica" ademais de negarse a introducir o "máis mínimo cambio" no proxecto dos orzamentos.

Este documento, segundo o portavoz do PSOE, revela a "soidade absoluta" do alcalde e a súa "incapacidade para entender a Pontevedra no día de hoxe" porque "vostedes señores do BNG viven no pasado". 

"Pactar, pactar e pactar, non queda outra señor Lores" (Iván Puentes)

"Pactar, pactar e pactar, non queda outra señor Lores", manifestou Puentes que ve na actitude do Goberno local "medo e debilidade". "O Lorismo está a derivar perigosamente en autoritarismo" dixo Puentes que lle pediu ao alcalde que retire a súa proposta de orzamento e dialogue con eles "está a tempo".

"Querido Iván de qué te quejas si a Lores lo has puesto tú y lo vas a seguir manteniendo. Eres cómplice de todo. Menos llorar y más hacer", comezou a súa intervención o portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez. 

INTERVENCIÓN DO PP

O portavoz popular xustificou o voto en contra do seu grupo en que "son unos malos presupuestos para Pontevedra" cualificándolos de "continuistas" porque "van a contribuir a la decadencia de Pontevedra".

A xuízo de Rafa Domínguez, a Boa Vila  "cada vez está más sucia" e "la iluminación está peor" ademáis "económicamente no funciona" mentres que na administración local "siguen dilatándose los tiempos para cualquier trámite". Tamén criticou que "las parroquias y los barrios están abandonados".

"La decadencia de Pontevedra es la decadencia de su alcalde, el señor Lores", asegurou o portavoz popular.

"El problema de los socialistas es que no te puedes fiar" (Rafa Domínguez)

Ademais das críticas ao BNG o discurso do Partido Popular cargou tamén contra o Partido Socialista do que dixo que antes que apoiar aos populares "seguro que prefieren pactar con Bildu como hicieron el día de ayer en el Ayuntamiento de Pamplona".

Para Rafa Domínguez "el problema de los socialistas es que no te puedes fiar" porque "son los que ayudan a los corruptos, los que están con los delincuentes y, desde ayer, los que están con los asesinos", manifestou.

Finalmente destacou a "debilidad" do goberno local e enumerou as vantaxes e beneficios que supoñería a aprobación dunha moción de censura para investir a Rafa Domínguez como alcalde "solo con el voto de dos socialistas".

INTERVENCIÓN DO BNG

Na súa intervención o concelleiro do BNG, Raimundo González explicou que prorrogar unha segunda vez os orzamentos supón "cuestións moi graves" que "poñerían en risco moitísimas cousas" xa que "non se podería facer ningún investimento das previstas" como os sete millóns dos fondos europeos, a nave de piragüismo, o Parque da Parda, os 290.000 euros das subvencións deportivas, as subvencións culturais, eventos como o Mundial de Loita ou o Campionato de Europa de Ciclocrós, as subvencións do transporte público, o convenio da piscina olímpica, as colaboracións cos medios de comunicación, o festival Río Verbena, entre outras cuestións que enumerou.

"Lles move a inquina o odio pero non o amor por Pontevedra" (Raimundo González)

Raimundo González tamén se referiu á emenda á totalidade presentada polo Partido Popular que, a xuízo do edil do BNG, parece "instalado nun cabreo permanente contra o mundo" polo que presenta unha proposta "disparatada, que nada ten que ver cos orzamentos" polo que concluíu que esta emenda demostra que"son uns nugalláns e están botados ao monte" debido a que "recorren á hipérbole e á mentira e en relación cos orzamentos non din absolutamente nada", dixo o edil de Facenda.

En canto ás emendas do PSOE, para o Goberno local supoñen "un corpo único" no que "moitas das partidas que propón minorar serían unha absoluta ilegalidade" porque, tal e como sinalou Raimundo González, non se pode reducir as cantidades comprometidas en contratos asinados. 

Ademais, o BNG entende que o PSOE tamén persegue "cargarse a Feira Franca reducíndoa á mínima expresión" e tamén as festas, o transporte metropolitano ou a partida de Normalización Lingüística "mesmo propostas que eles fixeron no anterior mandato". Por todo isto, o concelleiro de Facenda concluíu que "é unha emenda que o único que pretende é poñer paus nas rodas" polo que reiterou que "son uns orzamentos necesarios que espero que reflexione e mediten o seu sentido de voto".

Raimundo González lamentou a "sobreactuación" dos portavoces da oposición que "viven nunha realidade que vostedes mesmos confeccionan e autoalimentan" asegurando que é "netamente falso dicir que non negociamos". Polo que conclúen que "lles move a inquina o odio pero non o amor por Pontevedra".

SUSPENSIÓN

A sesión plenaria arrincou cunha cuestión de orde, os grupos da oposición PP e PSOE criticaron a decisión do alcalde de "vetar" o debate das súas emendas aos orzamentos.  "No tiene sentido que no se puedan debatir y votar las enmiendas que están dictaminadas en comisión. Desde mi punto de vista vulnera el derecho de participación ciudadana", protestou o portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez. No mesmo sentido pronunciouse o portavoz socialista.

A continuación o público presente no patio de butacas do Teatro Principal, lugar onde se celebran os plenos do Concello de Pontevedra, empezou a corear "ditador, ditador" con berros dirixidos ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. Tratábanse, maioritariamente, de funcionarios municipais que portaban unha pancarta na que se lía "Máis negociación. Menos imposición".

Para o concelleiro de Facenda, Raimundo González a postura de oposición ten "a única finalidade de obstruir, obstaculizar, entorpecer, impedir e torpedear uns orzamentos que son necesarios para a cidade", unha resposta que foi apupada de novo polo público polo que o alcalde tivo que facer reiteradas chamadas á orde para que se gardase silencio.

"Esta Alcaldía ten moitísima paciencia. Isto que están vostedes facendo aquí non podería pasar nin no Parlamento do Estado nin no Parlamento de Galicia nin no Concello de Vigo porque xa lles expulsarían. Non van convencerme para que lles expulse, pero un pouco de respecto a esta Corporación que foi elixida polos cidadáns", reclamou sen éxito o alcalde.

De novo tentou continuar co seu discurso o concelleiro de Facenda pero ante o ruído do patio de butacas o alcalde anunciou a suspensión do Pleno "ata que se poida falar". 

"Interromper un Pleno ten consecuencias, están avisados", advertiu o alcalde ao retomar a sesión plenaria tras quince minutos de suspensión. Tras este incidente o Pleno retomouse sen máis problemas.