Lores anuncia contratos de emerxencia para atender os danos urxentes causados por Kirk

Pontevedra
10 de outubro 2024

O alcalde de Pontevedra salientou o "esforzo impresionante" realizado por todos os servizos municipais e empresas concesionarias para facer fronte aos incidentes do temporal

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, anunciaba contratos de emerxencia para resolver os danos do Kirk
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, anunciaba contratos de emerxencia para resolver os danos do Kirk /

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, realizaba este xoves un agradecemento específico a todos os servizos municipais e ao persoal das empresas concesionarias que realizaron traballos durante as últimas horas para resolver os incidentes causados pola borrasca Kirk no municipio.

O rexedor deu conta de máis de cen árbores caídas no centro urbano en espazos verdes e rúas da cidade, ademais de faroles. 

Sinalou que as brigadas están comprobando que zonas axardinadas poden abrirse ao longo deste xoves 10, unha vez garantida a seguridade para evitar desprendementos nos espazos arborados.

A afectación foi "moi grande", recoñeceu Fernández Lores, quen agradeceu o "esforzo impresionante" de todos os operativos que desde primeiras horas atenderon os casos de máis urxencia.

Unha vez que se faga unha evaluación dos danos, o goberno local ten previsto realizar contratos de emerxencia para que se acometan as reparacións necesarias.

Entre estas actuacións está prevista a poda de árbores, reparación de pavimentos e outros labores que, segundo o alcalde, desbordan o traballo das brigadas municipais xa que afectan a 120 quilómetros cadrados e preto de mil quilómetros de vías municipais.

XUNTA DE GOBERNO

O alcalde de Pontevedra tamén confirmou que na Xunta de Goberno celebrada este xoves adxudicouse un contrato á empresa 'Atenea Seguridad y Medio Ambiente' para coordinación da prevención de riscos laborais.

O orzamento ascende a 91.673 euros, concedido á mellor opción presentada.

A adxudicataria será a encargada de coordinar todas as funcións relacionadas con riscos de seguridade nas obras municipais. 

Na Xunta de Goberno tamén se aprobaba a segunda ampliación da obra do campo de fútbol de Salcedo por dous meses.

Miguel Anxo Fernández Lores explicaba que este novo prazo establécese por falta de material no mercado para realizar os peches exteriores e polo desprazamento dun noiro na traseira do edificio.