Lores, ante as súas "mellores sensacións" desde que é alcalde: "Non nos poñemos límites"

Pontevedra
02 de maio 2019

Unha campaña "intensa" que promete ser "diversa" e na que o BNG " pelexaremos por todo e sen límites". Así será, segundo adiantou Miguel Anxo Fernández Lores, o traballo que os nacionalistas farán para as eleccións municipais do próximo 26 de maio

Anabel Gulías e Miguel Anxo Fernández Lores
Anabel Gulías e Miguel Anxo Fernández Lores / Mónica Patxot

Unha campaña "intensa" que promete ser "diversa" e na que o BNG " pelexaremos por todo e sen límites". Así será, segundo adiantou Miguel Anxo Fernández Lores, o traballo que os nacionalistas farán para as eleccións municipais do próximo 26 de maio.

Fernández Lores, que afrontará a súa novena campaña electoral, asegura estar "ilusionado" porque entende que "o mellor está por vir". O alcalde sinalou que percibe na cidade unha "onda de simpatía" cara o BNG e cara o proxecto político que el encabeza.

"Co apoio de todos, Pontevedra vai a seguir crecendo e sendo un referente en moitos aspectos", apuntou o líder do BNG, que explicou que os nacionalistas farán un "esforzo grande" por trasladar á cidadanía que "non está todo feito" e que existe unha "perspectiva favorable" de cara o futuro da cidade.

O alcalde sinalou que Pontevedra está "moi ben posicionada" e ten un "gran potencial" de crecemento "en todos os sentidos", algo que o BNG pretende explotar no próximos catro anos. "Puxemos a cidade no mapa e agora estamos a recoller uns retornos indiscutibles", engadiu.

Precisamente un posible exceso de euforia ante as perspectivas electorais será, recoñeceu Fernández Lores, un dos maiores inimigos nesta campaña. "Preocúpame que se dean por feito as cousas", destacou o alcalde, que instou aos seus votantes a "non desmobilizarse" porque o resultado que conta, dixo, "depende das papeletas nas urnas".

Anabel Gulías, que coordinará a campaña municipal do BNG, explicou que o grupo de goberno afronta este mes con "moita intensidade" e programáronse xa máis de trinta actos por todo o municipio para presentar o seu proxecto á cidadanía e, ao mesmo tempo, escoitar as peticións dos veciños, tanto da cidade como do rural.

A campaña do BNG arrancará, unha vez máis, cun gran mitin no Teatro Principal. Será o venres 10 de maio coa presenza do seu portavoz nacional, Ana Pontón.

Para esta campaña, Gulías destacou que o BNG conta cun equipo "potente" que traballará "con moita intensidade" para obter os mellores resultados posibles e conseguir así dar continuidade a un proxecto político e a un modelo urbano "do que estamos moi orgullosos".

Arquivado en