O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores agradeceu á futbolista Paula Dapena "en nome dos pontevedreses" a súa decisión de non participar na homenaxe a Maradona por maltratador.
Lembremos que Paula Dapena (24 anos), mediocentro do Viaxes InterRías da Primeira Nacional, nun partido amigable diante do Deportivo Abanca disputado o pasado 29 de novembro, decidiu sentar no chan de costas como protesta á homenaxe que se ía a tributar a Diego Maradona cun minuto de silencio.
O seu xesto deu a volta ao mundo e hoxe o alcalde da súa cidade quixo facer un recoñecemento público en nome da cidadanía da Boa Vila por ter ese xesto de "gran transcendencia". Foi nunha recepción que tivo lugar este luns no concello de Pontevedra e no que tamén participou a concelleira Carme Fouces.
"As sociedades avanzan cando a xente toma decisións, ou se producen feitos destacables", comentou Fernández Lores. "Estamos moi satisfeitos", engadiu o rexedor ao darlle o "parabéns por esa decisión que espero que teña repercusión positiva para ela, para o seu propio club e o deporte feminino en xeral".
Pasado un mes daquel partido e diante da inesperada envergadura da súa iniciativa, Paula Dapena alégrase de que o seu xesto poida crear "un pouquiño de conciencia na sociedade e avanzar un pouquiño máis na igualdade".
A día de hoxe a polémica xerada nas redes sociais xa se acougou pero a súa camiseta co dorsal número 6 segue sendo todo un reclamo e agora Lores xa ten a súa.