Con "sorpresa e desagrado". Así recibiu o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a carta remitida polo secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, sobre a tramitación na que se atopan as iniciativas presentadas polo Concello ante Costas.
"Costas decidiu non facer nin deixar facer", lamentou Fernández Lores, que se mostrou moi crítico con este departamento estatal, ao que acusa de "sabotear" os intereses da cidadanía de Pontevedra ao atrasar e, finalmente, bloquear todos estes proxectos.
Na misiva que o alcalde remitiu a Morán en resposta á súa comunicación, o alcalde lamenta que proxectos "tan sentidos, necesarios e esperados" como a rexeneración de Mollavao e a Xunqueira de Ponte Sampaio "non sexan prioridades" para Costas.
O rexedor pontevedrés censura que se prioricen actuacións "sen proxectos elaborados e que non deixan de ser ideas de futuro" fronte a proxectos "que levan anos feitos" e se faga, ademais, a través dun escrito "de evidente calado electoralista".
Hugo Morán, segundo Lores, "débelle unha explicación a Pontevedra" por paralizar actuacións como as de Mollavao e Ponte Sampaio ou por seguir demorando o remate do paseo a Marín.
"Esta situación é moi grave para os intereses da cidade", subliñou o alcalde, que denuncia que Costas "non cumpre con Pontevedra", a pesar de que "o único que pediamos era un papeliño" para que o Concello puidese actuar sobre estes espazos naturais degradados.
A decisión de non investir nesta cidade e de atrasalo "absolutamente todo", engadiu Fernández Lores, "está tomada desde hai tempo", só que a carta do secretario de Estado "o pon por escrito" empregando o que el entende que son "escusas".
Lores insistiu en que "vou seguir insistindo en petando na mesa todo o que faga falta para defender os intereses de Pontevedra", ao entender que "cando o fas algún papel se move", como ocorreu coa tramitación da reforma do nó de Bombeiros.
Con respecto á actuación dos seus socios de goberno, o alcalde asegurou que, do mesmo xeito que fai o PP coa Xunta, os socialistas "están encubrindo a inacción do Goberno central con Pontevedra e con que non se cumpra con esta cidade".