"Sea inteligente y úsenos". Esa foi a mensaxe directa que o conselleiro delegado de Ence, Ignacio Colmenares, lanzaba este mércores ao alcalde de Pontevedra durante a xunta de accionistas que a empresa pasteira celebrou en Madrid e á que asistiu PontevedraViva.
Pero Miguel Anxo Fernández Lores teno claro. "Vai a ser que non. Vamos a ser tontos e non nos vamos a aproveitar", ironizou apenas 24 horas despois a preguntas dos xornalistas.
"Nós queremos que se vaian e xa, canto antes, a ver se o entenden. A min non me teñen que dar nada", sinalou o alcalde con respecto a esta man tendida de Ence para colaborar co Concello.
Fernández Lores asegurou que Ence "está acostumada a comprar vontades", pero reiterou que ao Concello de Pontevedra, a pesar de tentalo no pasado, "non nos van a comprar" porque ao goberno municipal "non nos valen os abalorios".
O alcalde lembrou a existencia dunha gran maioría social que quere recuperar a ría de Pontevedra e utilizala para outros usos, polo que reclamou que "estes señores se vaian para outra ubicación" que deberá buscar a empresa xunto coa Xunta, a administración que ten as competencias, dixo, en ordenación do territorio e polígonos industriais.
"Non sei como llo temos que dicir. Non sei se teremos que facer unha canción de Sabina", bromeou Lores, porque entende que detrás de Ence hai "intereses económicos" dun grupo empresarial, cuns accionistas que sacan unha rendibilidade "espectacular" dos terreos que ocupa en Pontevedra e co apoio de "unha parte do Estado" que lle permite seguir producindo na ría.
"Iso non ocorre en ningún país do mundo", sinalou o rexedor pontevedrés, que engadiu que esta conduta "incumpre" todas as normativas legais e ambientais vixentes "e tamén o sentido común".
Fernández Lores insistiu en que a empresa "o que ten que facer ata 2018" é pagar as taxas "que teñen que pagar" e abonar o custo da auga que empregan "e que están collendo gratis". Todo iso, cumprindo cos seus "obrigas" ata entón e coa idea "clara" de que deben abandonar Lourizán.
INVESTIMENTO NA DEPURADORA
Con respecto ao compromiso investidor de Ence para a ampliación da EDAR de Praceres, Miguel Anxo Fernández Lores sinalou que "a min non me teñen que dicir nada" e que se a empresa quere falar da depuradora "que fale coa Xunta que é dela".
O Concello fixo un esforzo "grandísimo" no saneamento urbano e rural, lembrou o alcalde, pero as rías, as depuradoras e os grandes colectores son "responsabilidade" de Augas de Galicia, polo que máis aló de ofrecer a "máxima colaboración" a este organismo, Fernández Lores dixo que "a min que non me metan neste lío".
En todo caso, aínda que non negou que haxa "unha parte" dos verquidos da depuración residual "que non están eliminados", Lores lembrou que Ence verte "máis do dobre" que todos os concellos a ría xuntos, polo que sinalou a "responsabilidade directa" da empresa na contaminación da ría pontevedresa.
"Se cheira ou non cheira só hai que pasar por aí. Negar iso é negar a evidencia", concluíu.