A Deputación de Pontevedra, a través do seu presidente Luis López, presentaba este luns en Barro un programa para mellorar os equipamentos dos locais municipais que se atopan destinados á mocidade.
O orzamento ascende a 100.000 euros e aqueles municipios con menos de 20.000 habitantes terán a opción de recibir unha subvención dun máximo de 2.100 euros para realizar as melloras nestes espazos.
López mantivo un encontro con alcaldes, concelleiros e técnicos das Oficinas Municipais de Xuventude (OMIX) en Barosa para presentar o denominado "O teu espazo xuvenil".
O presidente provincial destacou que se trata das primeiras axudas que na historia da Deputación son destínadas para este fin.
Acompañado por Jorge Cubela, deputado de Cultura, Reto Demográfico e Xuventude, o presidente sinalou que a mocidade é unha das áreas estratéxicas para a administración provincial.
Avanzou que a Deputación traballa na creación do primeiro Plan Estratéxico de Xuventude para unir ás administracións co tecido asociativo da provincia e poñer ao dispor da xente nova as ferramentas para desenvolver o seu potencial. Tamén está prevista a creación dun Consello Provincial de Xuventude.