Longas colas para visitar o Rainbow Warrior de Greenpeace en Vilagarcía

O Salnés
28 de xullo 2019

O buque de Greenpeace desenvolve dúas xornadas de portas abertas durante esta fin de semana con diversas actividades relacionadas coa emblemática embarcación da organización ecoloxista. O martes 30 visitará a Illa de Arousa

Visita ao Rainbow Warrior
Visita ao Rainbow Warrior / PontevedraViva

Durante a mañá deste sábado, 600 persoas fixeron cola baixo a choiva no Porto de Vilagarcía para visitar o buque emblema do Greenpeace, o Rainbow  Warrior 3. Ao longo da xornada do sábado, a organización agardaba alcanzar as 1.500 visitas.

E este domingo 28 continuará a xornada de portas abertas para que todas as persoas que queiran subir a bordo comproben as excelencias deste barco, que foi financiado grazas ás persoas asociadas á organización ecoloxista. O horario será de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.

Esta estancia en Vilagarcía de Arousa é consecuencia cos problemas coa Autoridade Portuaria de Vigo para recalar nas instalacións olívicas durante a campaña que está a emprender a organización non gubernamental na que tenta sensibilizar á cidadanía en relación coa crise climática e demandar un cambio do sistema enerxético para frear o cambio climático.

Os representantes de Greenpeace lembran que o mes de xuño foi o máis caloroso da historia do planeta e fan un chamamento á unión para frear o desastre ecolóxico.

Durante a súa presenza no porto de Vilagarcía de Arousa  realízanse diversas actividades relacionadas coas enerxías renovables. Este domingo, a partir das 21.30 horas na Praza da Segunda República está previsto un concerto con Maika Makovski, Depedro e Uxía. 

Durante a mañá do martes 30, o emblemático barco partirá cara á Illa de Arousa, onde a tripulación apoiará o proxecto europeo de transición enerxética en illas que se está desenvolvendo nesta contorna natural.