Londres, Carcavelos e Poznan, as novas citas internacionais para o modelo de cidade

Pontevedra
26 de agosto 2020

O modelo da cidade de Pontevedra será exposto nos próximos meses en diversos foros, tanto nacionais como internacionais. Por mor da situación sanitaria, a participación na maioría deles será a través de medios telemáticos

Pontevedra, a volta á normalidade da cidade máis premiada (arquivo)
Pontevedra, a volta á normalidade da cidade máis premiada (arquivo) / Mónica Patxot

A cidade de Pontevedra, co seu modelo de mobilidade sustentable, seguridade vial e deseño urbano centran o interese de diversas Administracións, especialmente nestes momentos nos que a crise sanitaria obriga a reformular a planificación das cidades e adaptarse ás novas necesidades.

O modelo da cidade de Pontevedra será exposto nos próximos meses en diversos foros, tanto nacionais como internacionais. Por mor da situación sanitaria, a participación na maioría deles será a través de medios telemáticos.

As primeiras citas terán lugar en Xaén e Madrid no marco de xornadas organizadas con motivo da Semana Europea da Mobilidade.

O 17 de setembro en Madrid e baixo a organización do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Pontevedra participará nunha mesa redonda titulada 'Compartindo experiencias exitosas', en relación á mobilidade sen emisións. A participación será vía telemática, entre as 12:20 e as 13:00 horas, e Pontevedra compartirá quenda con Castellón de la Plana e Quart de Poblet.

A xornada de Xaén, prevista para o 16 de setembro, será presencial e está organizada pola Deputación Provincial de Xaén, a través do Grupo de Trabajo para la Movilidad Sostenible. Esta xornada terá como eixo central a mobilidade en contornas educativas, polo que convidan a Pontevedra para que expoña a súa experiencia práctica, cun modelo xa consolidado.

Tamén no mes de setembro, o día 23, está prevista a participación na xornada 'Creando Comunidades: máis aló da pandemia', organizada en Londres polas entidades especializadas en deseño urbano Create Streets e Onward, e que se emitirá a través da plataforma virtual 'Run the World'. A quenda na que participa Pontevedra terá lugar ás 10:35 horas e leva por título 'Creación de lugares a raíz da pandemia: como as cidades de todo o mundo abordan a recuperación'. A presenza de Pontevedra neste foro responde, segundo indica a organización no seu convite "ao seu liderado na redefinición de como interactuamos cos nosos espazos públicos, o que consolida a Pontevedra como unha referencia para moitas cidades importantes que agora buscan replicar tales políticas, 20 anos despois".

No mes de outubro, as xornadas terán lugar na localidade portuguesa de Carcavelos e na cidade polaca de Poznan.

O día 9 de outubro Pontevedra intervirá no Portugal Mobi Summit que terá lugar na Nova School of Business and Economics da Universidade de Lisboa (sede situada en Carcavelos). O tema xeral será 'Mobilidade nun mundo en mudanza', centrándoo nos cambios xurdidos tras a aparición da Covid-19 e do confinamento e en como inflúen na forma de moverse e traballar nos ecosistemas urbanos. O panel de debate ao que está convidado Pontevedra terá lugar ás 16:45 horas e compartirá quenda co concelleiro de Mobilidade de Lisboa, Miguel Gaspar, co profesor da Facultade de Arquitectura da Universidade de Lisboa, David Vale, e co xerente de desenvolvemento comercial do CEiiA, Rui Rei.

O Concello de Poznan celebrará o cuarto Foro de Desenvolvemento da Cidade os días 21 e 22 de outubro e quere contar coa presenza de Pontevedra tras gañar o primeiro Premio de Seguridade Vial Urbana da Unión Europea. Segundo explican desde a organización a idea "é coñecer a súa política e solucións no ámbito da cidade segura e sen accidentes" no marco dunha plataforma para o diálogo entre residentes, gobernos locais, científicos e representantes de empresas.