Loito no campus de Pontevedra polo falecemento do profesor Juan Carlos Meana

Pontevedra
16 de xaneiro 2023

Docente desde 1993 na facultade de Belas Artes, da que foi decano entre 2010 e 2015, Meana falecía este domingo aos 59 anos de idade a causa dunha enfermidade

O artista e profesor de Belas Artes Juan Carlos Meana
O artista e profesor de Belas Artes Juan Carlos Meana / Universidade de Vigo

O campus de Pontevedra recibiu cun fondo pesar a nova do falecemento do profesor da Facultade de Belas Artes Juan Carlos Meana Martínez. 

Docente desde 1993 nesta facultade, da que foi decano entre 2010 e 2015, Meana falecía este domingo aos 59 anos de idade a causa dunha enfermidade. 

O seu pasamento deixou unha profunda consternación na facultade, que promoverá "nas próximas semanas un acto de homenaxe á súa figura", como anunciou o decano, Xosé Manuel Buxán, quen destacou "o seu traballo a prol da Universidade desde practicamente os inicios da facultade". 

Natural de Vitoria, Meana doutorouse en Belas Artes pola Universidad del País Vasco en 1993 e ese mesmo ano iniciou a súa traxectoria como docente da Facultade de Belas Artes, creada tres anos antes.

Profesor do Departamento de Pintura, Meana exerceu como secretario académico deste centro entre 2006 e 2010, primeiro con Jesús Hernández como decano e logo con Ignacio Barcia, quen lembra ao docente e artista como "unha boa persoa, moi traballadora, que se implicaba en todo o que facía". Tras o nomeamento de Barcia como vicerreitor, Meana converteuse en 2010 en decano desta facultade, cargo que ocuparía ata marzo de 2015, ano no que Belas Artes conmemoraba o seu 25 aniversario. Como lembran desde este centro, Meana foi tamén o impulsor e primeiro coordinador do programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea ademais de membro do Consello de Goberno da Universidade de Vigo. 

Integrante do grupo de investigación dx7 Tracker Laboratorio Visual, Meana combinou o seu labor docente e investigador coa súa produción artística, inicialmente centrada na práctica da pintura para logo ampliarse a outras disciplinas da arte contemporánea, como a escultura e as instalacións. 

Ao longo da súa traxectoria, protagonizou máis dunha vintena de exposicións individuais e foi recoñecido con diferentes premios como o do XI Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña, en 2009, e a súa obra forma parte das colección de institucións como o Goberno Vasco ou as deputacións de Biscaia e A Coruña. 

O seu velorio ten lugar no tanatorio Albia, en Pontevedra.