Loita social en feminino

Pontevedra
23 de marzo 2018

Nunha época na que as mulleres quedan reducidas á esfera do fogar, sen ocupar o espazo público, houbo valentes que se levantaron, enfrontáronse ao establecido e mesmo lideraron a loita social. Elas foron as protagonistas da última actividade de A Memoria dás Mulleres 

Charla 'Mulleres pontevedresas nas loitas sociais da segunda metade do século XX' na Casa das Campás
Charla 'Mulleres pontevedresas nas loitas sociais da segunda metade do século XX' na Casa das Campás / Mónica Patxot

Nunha época na que as mulleres quedan reducidas á esfera do fogar, sen ocupar o espazo público e con todas as limitacións posibles par tomar as rendas das súas propias vidas sen ter un home á beira, houbo valentes que se levantaron, enfrontáronse ao establecido e mesmo lideraron a loita social. Elas foron as protagonistas da última actividade do programa municipal A Memoria das Mulleres, a charla 'Mulleres pontevedresas nas loitas sociais da segunda metade do século XX'

A actividade reuniu na Casa das Campás de Ponteverda a varias decenas de espectadores dispostos a aprender das ensinanzas destas loitadoras que tiveron, se cabe, máis mérito pola época na que se puxeron fronte ao poder, os 40 anos da Ditadura Franquista. E dispostos a facer memoria porque, como sostivo a historiadora Lara Barros, "sanear a nosa memoria, que está ferida, é indispensable"

Facer memoria de todas as loitas e persoas silenciadas resulta necesario tras os anos do silencio nos que a historia a escribiron os vencedores, pero se algo resulta fundamental é recuperar a memoria das mulleres. De todas. Nesta ocasión, tocoulle a quen liderou loitas sociais que se viviron na comarca de Pontevedra como a oposición ás dragaxes das rías de Pontevedra e Vigo, o 'NON' a Ence ou a rebelión ante as imposicións das Irmandades sindicais de labradores e gandeiros. 

Unha desas loitas máis silenciadas no seu día polos medios e practicamente ocultas na hisotoria viviuse de forma moi intensa nos anos 50 nas parroquias do rural pontevedrés, de Marcón a Verducido, Alba, Campañó, Santa María ou San Andrés de Xeve. Alí foron as mulleres as que lideraron a loita contra as irmandades sindicais, un sindicato vertical que obrigou a afiliarse a todo aquel que tivese terras e impuxo cotas de forma unilateral inasumibles naqueles anos de miseria. 

O rural pontevedrés foi un exemplo de loita en aquelos anos, cunha especial eclosión do conflito no ano 1953 na que as mulleres empezaron a vertebrarse para as protestas usando espazos non formais nos que se movían habitualmente. Houbo unha "feminización da protesta" que serve de exemplo da "forma de facer das mulleres" á hora de enfrontarse ao establecido. 

Lara Barros coñece ben esas loitas e expuxo na Casa das Campás a historia desas mulleres que desbarataron os estereotipos que o Franquismo quixo vender de Galicia e, en concreto, das mulleres galegas. Xeneralizaron a imaxe de que a nosa era unha " sociedade sometida e atrasada" de mulleres " sumisas e ignorantes" ás que trataban como "eternas menores de idade", pero a realdad botoulles por terra todos eses tópicos con loitadoras como as que tomaron a palabra este xoves.

Dar a coñecer esas historias de vida con programas como A Memoria das Mulleres permitirá, a xuízo de Lara Barros, que as mulleres do século  XXI "recuperen referentes" e vaian " reconstruindo a nosa identidade"

Ese acto conducido por Xiana Igrexas, socia traballadora de MaOs Innovación Social, deu voz a esas historias de vida como a de Carmen Álvarez Otero, 'A Pescadilla', veciña de Ponte Sampaio que nos anos 60 loitou xunto ao resto de mulleres mariscadoras da parroquia contra a draga do río Verdugo para poder sacar area e usala na construción dos primeiros edificios de Vigo. 

"Das mulleres que fomos, xa só quedan dúas", relatou e, en nome delas e de todas as que xa non teñen voz para dar a coñecer a súa historia, relatou como foi aquel momento no que "empezaron a chegar as escavadoras" e durante unha semana foron organizándose ata que chegou un día en que 'okuparon' a ponte romana e recibiron pedras en man a quen chegaba para esquilmar o seu modo de vida, o marisqueo. Carmen lamenta que naquela època "a xente era decidida", pero " agora non hai unión, non se loita".

O público da Casa das Campás, entre o que estaba o concelleiro de Patrimonio, Luís Bará, tamén puido escoitar o relato de Dolores Rosales Pazos e Visitación Núñez Castro, mariscadoras da parroquia de Lourizán que formaron parte da loita contra a localización na súa parroquia e os mancos marisqueiros que elas traballaban da pasteira Ence

Lembraron aqueles anos nos que, antes da instalación de Ence, "chegaba a praia ata o ferrocarril e era a praia que máis producía: berberecho, ameixa fina, ameixa babosa…" e detalles daquela loita na que todo o sector do fondo da Ría levantouse para "defender o pan dous fillos".