Loita fotográfica ambiental fronte á ameaza eólica

Cerdedo-Cotobade
18 de marzo 2023

Durante este sábado doce profesionais da fotografía, doce guías locais e un documentalista acudiron a diferentes lugares dos montes Cádavo e Montouto onde se pretenden instalar os aeroxeradores eléctricos e outras instalacións para denunciar o efecto que estes parques eólicos terán ambientalmente

Zona afectada por un dos parques eólicos
Zona afectada por un dos parques eólicos / Encontro Verde

Este sábado 18 de marzo, doce profesionais da fotografía, un documentalista e doce guías locais dirixíronse a diferentes lugares dos montes Cádavo e Montouto, espazos naturais nos que está prevista a instalación de aeroxeradores eléctricos e outras instalacións relacionadas con estes parques eólicos.

O colectivo de profesionais da fotografía formado por Cristina Abilleira, Anxo Cabada, Mónica Vila Ferreirós, Julio Eiroa, Carla Fernández Andrade, Miguel Riopa, Rosa Neutro, Damián Porto, Elena Buch, Pablo Camba, Judith Adataberna e Anxo Araujo realizarán fotos sobre o terreo co obxectivo de realizar unha exposición, coa incorporación de son e outras especialidades artísticas, para mostrar a perspectiva sensorial que se perderá coa instalación dos eólicos do denominado Parque Touriñán III-2 e Campo das Rosas.

Estes espazos afectan a municipios como Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis e A Estrada. A Xunta de Galicia xa validou un gran número de declaracións de impacto ambiental de parques eólicos e esta zona, segundo denuncian diversos colectivos, será unha das afectadas.

A asociación Alarma Terra de Montes, a asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, o Colectivo do Vento, a asociación SOS Suído Seixo e o colectivo de Rousmeri Caroi realizan un chamamento a unha acción colectiva denominada Burla Verde, que terá un dos seus principais actos o 29 de abril no curro de Rápaa das Bestas de Sabucedo.

A acción desta fin de semana leva por título 'O devalar do monte galego' en referencia ao autor Ramón Otero Pedrayo coa intención de mostrar a perda dos espazos naturais, o patrimonio e cultura de Galicia.

Arquivado en