Membros da asociación UmiaVivo localizaron un novo achado arqueolóxico no Monte Xiabre. Trátase dun petróglifo descoñecido ata o momento que está en terreos da parroquia de Bemil, en Caldas de Reis.
Destacan que é un exemplar singular e orixinal pola súa tipoloxía e pola variedade de gravados que presenta, entre eles coviñas, círculos, liñas radiais que aproveitan a curvatura da pedra ou unha serie de trazos entrelazados.
Estes gravados serían diferentes aos que se poden observar noutros petróglifos da zona, como o coñecido como Laxe dos Bolos, en Saiar, ou os que hai en Cea (Vilagarcía).
O presidente da asociación, Xesús Rodríguez Castro, advirte que este tesouro arqueolóxico está situado sobre un outeiro situado nunca parcela que acaba de ser plantada con piñeiros e librouse de ser estragado "por casualidade" ao teren empregado maquinaria pesada na zona.
"É unha desfeita innecesaria sobre un espazo improdutivo para a plantación pero de indubidable interese paisaxístico e patrimonial", defende Rodríguez, que lamenta o "arrase xeneralizado" que se produce no territorio con este tipo de patrimonio artístico.
UmiaVivo xa deu conta do achado deste petróglifo á Direccion Xeral de Patrimonio para que o identifique e restaure a súa contorna. Tamén se comunicou a súa aparición á Garda Civil, á Policía Autonómica e ao Concello de Caldas.