Localizan píntegas, rás e morcegos en situación de especial vulnerabilidade ecolóxica na zona onde se proxecta o encoro de Forzáns

Ponte Caldelas
30 de maio 2022

A Plataforma pola Defensa dos Ríos Verdugo e Oitavén Encoro Non detecta varias especies en situación de especial vulnerabilidade ecolóxica nun primeiro inventario de biodiversidade realizado por voluntarios no río Oitavén

Ra Ibérica
Ra Ibérica / Plataforma pola Defensa dos Ríos Verdugo e Oitavén ENCORO NON

Medio cento de voluntarios convocados pola Plataforma pola Defensa dos ríos Verdugo e Oitavén Encoro Non realizaron un primeiro inventario da biodiversidade nas inmediacións de onde o estudio da Confederación Hidrográfica Miño-Sil propón construir o encoro de Forzáns e localizaron varias especies da flora e fauna en situación de especial vulnerabiidad ecolóxica.

Trátase da Chioglossa Lusitanica (a píntega "rabilonga"), a ra Ibérica e o morcego Rhinolophus Hipposideros e os fentos Dryopteris Aemula e Dryopteris Guanchica, especie cuxa presencia obrigou a modificar no seu día o trazado e a rotonda de Caritel.

Os traballos prospectivos fixéronse baixo a coordinación do colectivo ecoloxista A Rente do Chan que distribuíu aos voluntarios en tres grupos (flora, anfibios e aves) que foron supervisados polo enxeñeiro agrónomo, micólogo e profesor do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, Jaime Bernardo Blanco Dios, e os expertos naturistas Sara Elena González Crespo e Miguel Puras (herpetólogo).

Desde o primeiro momento, os voluntarios localizaron especímenes de especial interese desde o punto da riqueza medioambiental que certificaban coa súa presenza a pureza e excelencia das augas do río Oitavén e do seu entorno natural que a Plataforma cualifica de un "auténtico paraíso natural".

Os datos recollidos nestas primeiras prospeccións foron recopilados por A Rente do Chan e sistematizados a través dos sistemas convencionais de compilación coa intención de respaldar os estudios posteriores que sobre a flora e a fauna prepararán expertos na materia para refutar calquera intento de construir un encoro ou detraer auga do caudal dos ríos Verdugo e Oitavén.

A Plataforma seguirá realizando este tipo de iniciativas para poñer en valor o río Verdugo e o Oitavén e defender con datos científicos que esta zona é un paraíso natural e non corresponde cun "páramo de escaso valor medioambiental" como insinúa o estudio realizado para a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, financiado tamén por Augas de Galicia (organismo dependente da Xunta) e o Concello de Vigo.

A PLATAFORMA CONFORMA UNHA PERMANENTE

Por outra banda, esta fin de semana tivo lugar a conformación da Permanente da Plataforma co fin de dotarse dun órgano de coordinación con maior operatividade e axilidade que dea cabida a todas as sensibilidades participantes na creación da Plataforma e que defenda tanto os intereses dos veciños dos lugares afectados como ás asociacións medioambientais que en máis dun cento subscribiron o manifesto fundacional.

Así este novo órgano de coordinación que seguirá as indicacións do pleno da Plataforma está formado por unha vintena de persoas en representación dos veciños de Forzáns, Agra, Vilán, Fornelos, Gaxate, Laxoso, A Fraga, Soutomaior, A Rente do Chan e A Dorsal Galega.

A Plataforma continuará con actividades encamiñadas a visibilizar a importancia do patrimonio ecolóxico e natural dos ríos Verdugo e Oitavén apoiadas por material divulgativo para que a mensaxe conservacionista e de defensa do medio medioambiental chegue ao conxunto da veciñanza.

 

 

Arquivado en