Localizan nunha zona "de moi difícil acceso" unha quinta vítima mortal do autobús de Cerdedo

Cerdedo-Cotobade
25 de decembro 2022

Nun lugar "de moi difícil acceso", segundo as autoridades, membros do operativo de rescate despregado no Lérez tras o accidente do autobús que caeu ao río en Pedre (Cerdedo-Cotobade) localizaron o cadáver dun quinto pasaxeiro do autocar

Tarefas de rescate das vítimas do autobús accidentado en Cerdedo
Tarefas de rescate das vítimas do autobús accidentado en Cerdedo

Nun lugar "de moi difícil acceso", segundo as autoridades, membros do operativo de rescate despregado no Lérez tras o accidente do autobús que caeu ao río en Pedre (Cerdedo-Cotobade) localizaron o cadáver dun quinto pasaxeiro do autocar.

De novo, foron os mergulladores do grupo especial de actividades subacuáticas da Garda Civil, os GEAS, os que localizaron ao falecido río abaixo do lugar do accidente. Estaba, en concreto, nunha curva do río antes da presa de Anllóns.

Nestas tarefas de rastrexo, que se están realizando ao longo dunha extensión de tres quilómetros, participan tamén dúas balsas da unidade marítima da Garda Civil.

Os equipos de rescate están a revisar, tamén por terra e aire, todo o leito fluvial do río entre a ponte de Pedre e a presa de Anllóns, onde chegaron xa restos do sinistro.

Coa recuperación deste cadáver, que será retirado do río en canto sexa posible, son xa cinco as vítimas mortais confirmadas neste tráxico accidente ocorrido en plena Noiteboa.

Dúas persoas, o condutor e unha das pasaxeiras, foron rescatadas con vida e atópanse ingresadas nos hospitais de Santiago e Pontevedra. Ambos evolucionan favorablemente.

As autoridades traballan coa hipótese de que o autobús ían nove persoas, polo que a procura manterase para localizar ás dúas persoas que permanecerían desaparecidas.

Arquivado en