Localizan en Poio persoas de Logroño, Barcelona, Alemaña e Francia que non puideron xustificar a entrada en Galicia

Poio
04 de abril 2021

A Policía Local controlou ao redor de 100 autocaravanas en catro días e localizou unha alemá e outra francesa. O resto das vixiadas procedían de Galicia, de modo que se atopaban de forma legal. Desde o inicio da Semana Santa, a Policía Local controlou máis de 1.300 vehículos e procedeu á identificación de 250 persoas

Control de autocaravanas en Poio
Control de autocaravanas en Poio / Policía Local de Poio

Os controis especiais realizados pola Policía Local de Poio nos últimos días para vixiar as entradas e saídas do municipio durante esta semana Santa e detectar a persoas que se saltaron o peche perimetral de Galicia vixente na actualidade permitiron descubrir varios incumprimentos das normas ditadas para evitar a expansión da pandemia da covid-19. Os axentes localizaron a persoas de Logroño, Barcelona, Alemaña e Francia que non puideron xustificar a entrada en Galicia. 

As persoas que se saltaron o peche perimetral para desprazarse desde Alemaña e Francia chegaron a Poio en autocaravana. A Policía Local controlou ao redor de 100 autocaravanas en catro días e localizou unha de cada un destes países. O resto das vixiadas procedían de Galicia, de modo que non incumpriron ningunha norma de mobilidade. 

Desde o inicio da Semana Santa, a Policía Local controlou máis de 1.300 vehículos e procedeu á identificación de 250 persoas para vixiar que non se saltase o peche perimetral. 

Entre esas persoas localizaron a varias que chegaran desde Logroño e Barcelona sen autorización a pesar de que todas as comunidades autónomas españolas teñen vixentes nestes días peches perimetrais. 

 Os policías tamén realizaron 28 inspeccións en establecementos de hostalería e controlaron a apertura de  furanchos. 

 Os controis policiais centráronse de forma especial nas zonas de  Combarro e Raxó, ao ser os puntos tradicionalmente máis turísticos de Poio.