Localizan dous furtivos con 21 quilos de ameixa viva no maleteiro

Pontevedra
29 de marzo 2019

A Policía Local de Pontevedra denunciou ante a Consellería  do Mar da Xunta de Galicia a dous furtivos que levaban no coche un saco de rede plástica con ameixas vivas, 13 sacos máis baleiros, roupa mollada e un capacho. O marisco foi devolto ao mar e os dous denunciados enfróntanse a unha sanción de ata 30.000 euros 

Marisco localizado aos furtivos
Marisco localizado aos furtivos / Policía Local de Pontevedra

A Policía Local de Pontevedra denunciou ante a Consellería  do Mar da Xunta de Galicia a dous furtivos localizados cando transportaban 21,76 quilos de ameixa viva no maleteiro dun coche. 

A intervención produciuse a pasada semana, sobre as 22.45 horas do mércores 20 de marzo. A central do tráfico da Policía Local detectou que había un vehículo que levaba máis de 45 minutos estacionado na  praza das Regas de  Valdecorvos con xente no interior, de modo que se pediu a presenza policial no lugar. 

Dúas patrullas dirixíronse ao lugar e procederon a identificar aos dous ocupantes, que lles indicaron que estaban a esperar a unha terceira persoa. Non convencidos coas explicacións, os policías realizaron unha revisión no maleteiro do vehículo e localizaron un saco de rede plástica con ameixas vivas, así como 13 sacos máis baleiros, roupa mollada e un capacho

Os policías preguntaron aos dous ocupantes do vehículo sobre a orixe do marisco e explicáronlles que eran mariñeiros e que pensaban comer esas ameixas, que finalmente resultaron ser 21,76 quilos, dos catro quilos non chegaban á talla regulamentaria. 

Os ocupantes do vehículo non puideron acreditar ningún tipo de licenza para o marisqueo nin documentación que acreditase a titularidade do marisco, de modo que a Policía Local procedeu a denunciarlles ante as autoridades autonómicas. Agora enfróntanse a multas que poden alcanzar os 30.000 euros. 

En canto ao marisco, segundo a información facilitada pola Policía Local, entregárono á confraría de San Telmo de Pontevedra para que o devolvese ao mar, pois aínda estaba vivo. Os  guardapescas da confraría emitiron un certificado acreditando que ao día seguinte pola mañá fora devolto ao seu medio natural.