O local da punta do Paseo Alcalde Blanco sae a concurso e poderá alugarse a partir de 2.441 euros anuais

Marín
11 de xaneiro 2025

A licitación subirase a próxima semana á Plataforma de Contratos do Sector Público e poderá presentase calquera persoa interesada. Sairá por dous anos, cunha prórroga máxima doutros dous

Vista aérea do Paseo Alcalde Blanco
Vista aérea do Paseo Alcalde Blanco / Concello de Marín

O local situado na punta do Paseo Alcalde Blanco de Marín sairá a concurso en réxime de arrendamento para as persoas ou empresas que queiran explotalo como cafetería-restaurante. 

O Concello de Marín anuncia que a próxima semana colgará a licitación na Plataforma de Contratos do Sector Público e haberá 10 días naturais de prazo para que se presenten solicitudes

A forma de adxudicación será por concurso público, polo que calquera persoa interesada poderá presentar a súa oferta.

A renda anual mínima que servirá de base para a licitación estableceuse en 2.441,88 euros, que deberá ser mellorada en alza polos licitadores.

O prazo de duración do arrendamento será de dous anos, con posibilidade de prórroga de ata dúas anualidades máis.

O local abrirá diariamente, co horario de apertura e peche que se establece na normativa autonómica. Poderá permanecer pechado por vacacións durante un mes ao ano, fóra do período estival (maio-setembro, ambos inclusive). 

A adecuación interior do local para a realización da actividade e os gastos de mantemento que se xeren, incluido o abono da taxa de actividade á Autoridade Portuaria, correrá a cargo da persoa adxudicataria.

Unha vez que a arrendataria leve a cabo a adaptación do local, estará obrigado a mantelo en perfectas condicións. No caso de realizar obras, estas revertirán á titularidade do Concello.

Ademais, será a persoa arrendataria a encargada de facer as obras de reforma, reparación, conservación e mantemento que sexan precisas, sempre coa previa autorización municipal. Tamén deberá encargarse da limpeza da zona circundante.

O arrendamento só inclúe a explotación do interior do local. No caso de que interese dispoñer dunha terraza no exterior, deberá ser solicitado o permiso á Autoridade Portuaria, que será a que cobre a taxa correspondente.