Belén P. B. é veciña da rúa Ernesto Caballero, que arrinca en Loureiro Crespo e desemboca nun camiño de terra que chega ata a rúa que conecta Valdecorvos coa transitada José Malvar.
Nos últimos días estivo moi activa nas redes sociais para denunciar o estado de abandono de su barrio. "Cansámonos de chamar á policía local, din que veñen e non van, porque estamos pendentes e non pasan; outras veces van e non fan nada", entre outras cousas porque á zona problemática non se pode acceder en coche, explícanos Belén P. B.
"Os días de semana e a fin de semana en calquera momento hai xente facendo botellóns, sobre todo polas noites, nunha carballeira que conecta Ernesto Caballero con As Regas, aí xúntase o peor do peor", comenta esta veciña.
Ao problema de inseguridade cidadá que se enfrontan cada vez que "aparcamos aí porque en Ernesto Caballero apenas hai prazas", súmase a gran cantidade de lixo que se acumula. Algún tan perigoso como cristais, tanto para os pneumáticos dos coches como para o gran número de nenos que xogan nas inmediacións. "Unha amiga miña que vive na zona ten un neno e antonte colleu unha caixa que había alí e recolleu todos os cristais do chan porque o seu fillo collíaos. Agora mesmo a zona está recollida, pero seguro que para a fin de semana xa volve estar igual", laméntase Belén P. B.
A retirada de cristais é só un parche a unha situación que levan anos aturando. E ao non haber unha limpeza por parte do Concello, o lixo e a maleza proliferan ata converterse nunha cuestión de saúde pública. "A herba está sen cortar e hai pulgas e carrachas. Vas baixar o lixo e aparécenche ratas, ratas como cans, que eu teño un pinscher e xúroche que son como un can, porque esta zona está abandonada", engade esta veciña.
Belén P. B. amplía a enumeración das carencias do barrio, como a falta de espazos para os máis pequenos, nun lugar no que sobran zonas verdes. "O xardín que hai nas Regas, que é moi grande, non o podemos usar porque a xente leva aos cans e non recolle as cacas. Cos nenos imos ao parque pero non está acondicionado para eles. Ten un tobogán, unha randeeira e dúas máis pequenas. Da idade do meu fillo de tres anos hai como quince ou vinte nenos e non cabemos. Tamén pedimos que limpen e corten a herba".
Ademais, na zona próxima de Valdecorvos, pola que adoitan ir a pasear os veciños "hai un coche abandonado fai uns 4 anos e está cheo de lixo" e "a xente que baixa do McDonalds ou come no coche deixa todo tirado e o Concello non o limpa".
Desde Valdecorvos ata José Malvar discorre a rúa da Sequiña, que é o traxecto máis directo para acceder ao barrio da Seca e ás rúas xunto ao río Lérez. Ata chegar a esta vía de paso, tamén os veciños se atopan con graves problemas. "O camiño de terra que vai desde Ernesto Caballero ata a zona que baixa de Valdecorvos é por onde vou ao colexio do meu fillo, o Vidal Portela, e xa rompín unha cadeira de paseo porque está cheo de pedras, ademais de lixo e maleza. O acceso non é fácil, pero o usa moita xente porque se non hai que dar moitísima volta", engade Belén P. B.
O obxectivo desta veciña é dar visibilidade a un problema que levan arrastrando anos e que lonxe de arranxarse parece que cada vez se complica máis. Belén P. B. achácao tanto á desidia municipal como á irresponsabilidade dos propietarios das leiras dos arredores, que non limpan as súas parcelas. En todo caso, pide que o Concello se faga cargo. Polo momento, está anunciada unha reforma do firme da rúa Ernesto Caballero, "levamos anos con fochancas que esnaquizan as rodas dos coches", pero, vistas as fotografías que achega esta veciña, a solución a este barrio demanda unha actuación maior.