A ocupación hospitalaria na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés presenta unha lixeira tendencia á melloría, segundo informou José Flores, xerente da área sanitaria.
"A día de hoxe temos unha mellora, non moi evidente, pero si unha mellora nesa curva de ocupación hospitalaria", explicou Flores despois do incremento que se rexistrou durante as últimas semanas.
Os ingresos por virus respiratorios, na súa maioría casos de gripe A, continúan afectando aos centros sanitarios da zona, aínda que o xerente sinalou que se observa un patrón cíclico semanal, sendo os luns os días de maior afluencia ás urxencias e, consecuentemente, de maior número de ingresos.
Flores destacou que o distrito do Salnés presenta "un menor impacto, con unha maior dispoñibilidade de camas" en comparación co distrito de Pontevedra, onde a presión asistencial é máis elevada.
Respecto ao caso de tuberculose detectado en Sanxenxo, o xerente confirmou que xa se realizaron a maior parte das probas aos contactos da persoa inicialmente afectada, que procedía de Mérida e xa estaba "controlado, tratado e illado".
Das probas realizadas, só se detectou un caso positivo con clínica, que se atopa hospitalizado e illado de forma preventiva, aínda que "a situación clínica do paciente é boa" e podería recibir a alta "de forma inmediata nos vindeiros días", explicaba o xerente.
O caso está a ser supervisado pola Dirección Xeral de Saúde Pública e a Unidade de Tuberculose de Pontevedra, que realiza todas as probas necesarias para o control da situación.