A área arqueolóxica de Tourón ven de ser acondicionada polo Concello de Ponte Caldelas. A piques de rematar a corta integral dos matos e toxos que invadían as máis de 15 hectáreas de superficie de espazo arqueolóxico, os resultados desta extensa actuación xa son ben visibles.
O goberno coaligado, formado por PSdeG-PSOE, AVP e BNG, aborda así o que supón a primeira actuación integral da historia deste espazo, inaugurado en 2007 e que se atopou nun franco deterioro.
Ademais da corta e limpeza da vexetación invasora, que alcanzaba máis de tres metros de altura e supoñía un claro risco de incendio, abordou a reparación integral de todo o valado perimetral de madeira, que estaba podre e que presentaba numerosos ocos. No tratamento repuxéronse máis de 350 postes e travesas.
Anteriormente, procedeu ao acondicionamento da rede de camiños, á renovación de todos os sinais explicativos dos diferentes grupos de insculturas pétreas, completamente queimados polo sol, e, finalmente, realizou reparacións e melloras no edificio do centro de interpretación.
O goberno local lamentou que a conservación dun espazo arqueolóxico único no mundo dependa unicamente do Concello de Ponte Caldelas, obrigado a realizar traballos custosos "sen un só euro da Xunta de Galicia".
Os petróglifos son unha arte milenaria, declarada BIC, e que moitos colectivos, entre eles o propio Concello están reclamando que sexan declarados tamén patrimonio da humanidade pola UNESCO, "pero a Xunta, como é habitual, lava as mans", concluíu.