Limpan con mergulladores os fondos de Areoso e retiran máis dunha tonelada de lixo

O Salnés
25 de abril 2021

Voluntarios submarinistas, integrado fundamentalmente por pescadores de navallas da Confraría de Pescadores da Illa de Arousa e por mergulladores do Club Subacuático Pérez-Sub, encargáronse de retirar os residuos que ameazaban a biodiversidade deste enclave

Voluntarios que participaron na xornada de limpeza en Areoso
Voluntarios que participaron na xornada de limpeza en Areoso / Afundación

Medio centenar de persoas participaron nas tarefas de limpeza que se realizaron nos fondos mariños que rodean ao illote de Areoso, na Illa de Arousa.

Nesta iniciativa, que forma parte do programa Plancton impulsado por Afundación, colaboraron máis de quince embarcacións que partiron do porto do Xufre.

Voluntarios submarinistas, integrado fundamentalmente por pescadores de navallas da Confraría de Pescadores da Illa de Arousa e por mergulladores do Club Subacuático Pérez-Sub, encargáronse de retirar os residuos que ameazaban a biodiversidade deste enclave.

Nas tarefas de extracción participaron tanto mergulladores equipados con equipo autónomo como a pulmón, que retiraron uns 1.100 quilos de residuos, fundamentalmente nasas, cabos, redes e outros apeiros de pesca extraviados.

Tamén había obxectos procedentes de terra firme como pilas, botellas, bolsas ou rodas.

Os mergulladores depositaron os residuos recollidos nunha das embarcacións de apoio que colaboraron na limpeza, desde onde os transportaron posteriormente ata o porto para a súa clasificación, pesado e posterior xestión. 

O programa Plancton, cuxo principal obxectivo é fomentar a conservación dos mares galegos, xa comezara o pasado mércores en diversas praias do municipio, nas que uns 160 voluntarios extraeron 417 quilos de residuos.