O centro de saúde de Combarro ten programadas obras de mantemento e mellora que inclúen a limpeza da fachada, con lavado de todo o perímetro do edificio, tratamento hidrófugo para protexer da humidade e da auga, limpeza de herbas, pintado dos muros da parte traseira e reparación das filtracións de auga na terraza superior. Ademais, no interior do edificio tamén se están reparando as humidades para, posteriormente, rematar co pintado.
O Concello de Poio e a Xunta de Galicia acordaron estes traballos nunha xuntanza que mantiveron o pasado mes de abril o alcalde, Ángel Moldes, e o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores.
Estes traballos acométense na súa maioría durante as fins de semana, para evitar así crear problemas e molestias aos usuarios do centro médico.
Estas actuacións no centro de saúde de Combarro súmanse ás que recentemente se fixeron no consultorio médico de Raxó, con melloras e intervencións de arranxos na fachada.