Toda Galicia entrará a partir do vindeiro xoves no nivel 2 de restricións e todas as xuntanzas quedarán limitadas a grupos dun máximo de 5 persoas. Así o acordou na tarde deste martes a Consellería de Sanidade.
Todas as medidas publicaranse este mércores no Diario Oficial de Galicia e entrarán en vigor dende as 00:00 horas do xoves.
De momento, a Xunta non facilitou detalles das restricións, pero si anunciou que o feito de que a totalidade do territorio da comunidade fique no nivel 2 de restricións incidirá nas capacidades dos locais e na ocupación dos espazos dos diferentes ámbitos sociais.
A medida é resposta a unha decisión adoptada polo comité clínico que fai o seguimento da evolución da covid-19 en Galicia "tras constatar o aumento de contaxios".
Ademais, Sanidade decidiu incrementar até o nivel 3 de restricións no concello de Santiago e na localidade do Milladoiro, onde ademais as xuntanzas ficarán restrinxidas a persoas conviventes. A pesar da mellora mellora que presenta a evolución epidemiolóxica nos concellos de Ourense e Barbadás, ambos continuarán a manterse no nivel 3 de restricións, xunto coa limitación de xuntanzas exclusivamente entre conviventes e o peche da mobilidade perimetral entre os dous concellos, establecida o pasado 7 de outubro.