Licitados os traballos de eliminación de especies exóticas invasoras en Cíes, Ons e Sálvora

Bueu
04 de xaneiro 2024

Estes traballos centranse nas dunas grises fixas e no seu hábitat de contacto co fin de garantir o seu estado de conservación favorable

Traballos de eliminación de especies invasoras
Traballos de eliminación de especies invasoras / Xunta de Galicia

A Xunta licitou por un importe inicial de 133.538 euros o servizo para a eliminación de especies exóticas invasoras nas illas Cíes, Ons e Sálvora do Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Estes traballos centranse nas dunas grises fixas e no seu hábitat de contacto co fin de garantir o seu estado de conservación favorable.

Cunha vixencia de 33 meses, este contrato enmárcase nos traballos que se están a desenvolver no marco do LIFE Insular, un proxecto transnacional cofinanciado con fondos europeos no que participan España e Irlanda e que ten como fin acadar a restauración integrada de hábitats insulares do Océano Atlántico.

Para lograr estes obxectivos, a iniciativa prevé executar sobre o terreo unha serie de actuacións centradas nos tipos de hábitats insulares 2130 e 4030, correspondentes ás dunas costeiras con vexetación herbácea e aos queirogais secos europeos (brezais).

A licitación que se acaba de publicar correspóndese con este tipo de traballos in situ e permitirá darlle continuidade aos labores acometidos xa no último ano e medio nos tres arquipélagos galegos sobre a flora terrestre exótica invasora (acacias, margarida africana, etc.) e que inciden de forma moi beneficiosa no estado de conservación dos hábitats antes mencionados.

En concreto, o servizo inclúe a realización de accións para a mellora da estrutura e funcionalidade de dous tipos de hábitats propios destas illas a través da eliminación e control, mediante métodos manuais, de flora invasora.

A empresa que se faga cargo do servizo, cuxa duración se estenderá desde a sinatura do contrato ata novembro do ano 2026, deberá dispoñer para a realización dos traballos programados dun mínimo de seis peóns especialistas e un responsable técnico ao fronte do equipo de campo.

A Universidade de Santiago de Compostela exerce o papel de coordinadora, mentres que a Consellería de Medio Ambiente se encarga da execución técnica.