Licitado o proxecto para a recuperación ambiental do Cemiterio de Chalanas

Marín
12 de agosto 2024

Este proxecto é un primeiro paso para a rehabilitación da zona que conecta a Praza de España co Paseo Alcalde Blanco

Espazo coñecido como o "cemiterio de chalanas"
Espazo coñecido como o "cemiterio de chalanas" / Google Street View

O Concello de Marín informa de que a recuperación medio ambiental da antiga dársena portuaria, popularmente coñecida como Cemiterio de Chalanas, xa está en licitación. Este luns 12 de agosto publicábase na Plataforma de Contratación do Sector Público.

Este proxecto é un primeiro paso para a rehabilitación da zona que conecta a Praza de España co Paseo Alcalde Blanco.

Tal e como se explica no proxecto, a dársena presenta un estado descoidado, coa presenza de pneumáticos, fondeos, amarres e restos de obra, como cascallos, ladrillos e bloques de construción.

O traballo consistirá na limpeza de todos os fondos, retirando os residuos. Ademais, actuarase no fondo lamacento da dársena, para nivelalo e poder así estender unha capa de area de xeito regular. Tamén se retirará o actual tubo de pluviais, para poñer un novo que garanta unha boa recollida das augas pluviais.

Unha vez realizadas estas tarefas, colocarase unha capa xeotéxtil, que terá unha función de filtro para evitar a mezcla da lama do fondo coa capa de area.

Ademais, limparanse todos os paramentos verticais do peirao e instalarase unha plataforma flotante de aluminio de 12x6 metros, co obxectivo de proporcionar un elemento de apoio ás embarcaciones deportivas.

A licitación conta cun orzamento base de case 248.000 euros, con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística, e cun prazo de execución de 6 meses.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, anunciou que o Concello conseguiu unha ampliación do Plan de Sostibilidade Turística en Destino de 300.000 euros que se poderán destinar ao proxecto de urbanización da contorna da dársena, na súa conexión coa Praza de España.

Esta urbanización consistirá na creación dun espazo peonil con zonas axardinadas, de paseo e descanso.