A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio licitou este mércores as obras do colector xeral de Marín, unha actuación fundamental para este concello e, en xeral, para a Ría de Pontevedra.
O Diario Oficial de Galicia publica este mércores a resolución pola que se licita por 2,8 millóns de euros esta actuación hidráulica, que tamén inclúe a execución dunha nova impulsión.
Augas de Galicia asume integramente o orzamento desta actuación que consistirá na substitución do colector xeral de Marín cunha lonxitude de case un quilómetro no tramo que discorre de forma paralela á Avenida de Ourense (zona do recinto portuario).
Tamén será preciso executar un novo bombeo que substituirá ao actual da lonxa e que incorpora un depósito de retención de 2.000 metros cúbicos de capacidade total útil. Ademais, levarase a cabo unha nova impulsión dende o bombeo ata o colector xeral xa existente, que conduce as augas residuais á EDAR de Praceres.
Esta actuación intégrase no plan de saneamento local da Ría de Pontevedra, cuxa adxudicación poderá formalizarse a mediados de maio.